''El jefe tiránico está desapareciendo''

Liderado, cohesión de equipos, mellora do rendemento... son conceptos cada día máis presentes en ámbitos como a empresa ou a política, e nos que segundo os expertos existen 'teclas clave' que, ben buscadas e tocadas, poden deixar resultados espectaculares nun camiño ao éxito vencellado ademais ao desenvolvemento persoal.

Iso é o que defende o chamado 'coaching', e o que se exporá ao longo de todo o día na I Xornada de Coaching de Galicia que se celebra este xoves en Santiago.

O encargado de abrilas é Joaquín Dosil, un investigador galego experto en psicoloxía de deporte e 'coach', en quen xa confiaron, a pesar da súa xuventude, figuras tan notables do deporte como o campeón de motociclismo Jorge Lorenzo ou o entrenador do Deportivo, Miguel Ángel Lotina. Polas súas mans empezan a pasar tamén políticos que ven no coaching unha posibilidade importante de mellorar as súas habilidades.

Pregunta: Empecemos polo básico. Que é o 'coaching'?

Resposta: 'Coaching' é un anglicismo que traducido literalmente significa adestramento, e o 'coach' é o adestrador. É unha especie dun asesor persoal que se utiliza en diferentes ámbitos, principalmente no ámbito empresarial, político e no deportivo para mellorar o rendemento das persoas ou dos grupos.

Agrupa unha serie de técnicas para que as persoas melloren as súas capacidades persoais, por exemplo ter unha maior capacidade de concentración no traballo ou unha maior motivación, e ademais dese desenvolvemento personal traballamos con grupos e como traballar con grupos, é dicir, con persoas que dirixen persoas. Aí entramos na cuestión do liderado, como liderar a un grupo de persoas, como comunicar con el, como cohesionar un equipo, como resolver conflictos, etc.

P: E que é un líder?

R: O primeiro, para ser líder realmente hai que cumprir dúas condicións, a primeira que ti asumas o rol de líder, e a segunda é que os demais asuman que ti tes ese rol de líder.

Esa é a base do liderado, unha asunción persoal e unha asunción do grupo co que estás traballando. De nada sirve que ti te vexas como o líder dun grupo, se no grupo non te recoñecen como tal, e viceversa.

Logo un líder é unha persoa que ten unhas características determinadas que son moi chamativas. Son persoas que comunican ben, que teñen unha boa capacidade de tomar decisións pero sen ser impulsivos, é dicir, son reflexivos pero toman decisións rápidas.

Ademais son persoas que teñen boa capacidade de escoita, teñen empatía cando están cunha persoa, e saben dar respostas apropiadas ao que demanda cada unha.

P: Pode facerse un líder de calquera ou aquí funciona iso de 'tense ou non se ten'?

R: Hai persoas que pola súa xenética, ou incluso polos seus primeiros anos de vida, teñen unha maior predisposición para ser líderes, agora ben, o adestramento mediante o 'coaching' favorece que as persoas vaian desenvolvendo estas habilidades.

Algunhas téñenas durmidas e hai que despertarllas, outros as teñen pouco desenvolvidas e hai que intentar que as desenvolvan, e outros téñenas bastante desenvolvidas e o que hai que facer é pulilas para que realmente poidan utilizarse correctamente. Pero todo o mundo como ser humano ten unha serie de habilidades, o que pasa é que moitos as temos totalmente sen desenvolver.

Obama e Nadal, exemplos de liderado
P: Cal sería para vostede un exemplo coñecido dun verdadeiro líder?

R: No ámbito político, un dos casos máis chamativos é o actual presidente de Estados Unidos. Nestes momentos Barack Obama tal vez é o líder político a nivel mundial, e se revisamos por que conqueriu ese liderado, aparecen eses riscos que eu antes citaba: é un gran comunicador, cando está falando outro sabe escoitar perfectamente, iso se aprecia na súa comunicación verbal e non verbal, non só cando fala senón na maneira en que está escoitando.

E vese na contundencia coa que toma algunhas decisións. Obama non chegou á Casa Blanca única e exclusivamente polo seu coñecemento, se non por como transmitiu ese coñecemento a miles de persoas, que é moi importante.

Logo no ámbito do deporte hai moitísimos líderes, o caso máis chamativo é Rafa Nadal no mundo do tenis, o mallorquín é un dos deportistas que é líder na cancha, como Pau Gasol en baloncesto. O máis bonito do liderado é que o hai en diferentes contextos e con diferentes características, non hai un perfil único de líder.

P: Polas súas mans teñen pasado xa nomes ben importantes do deporte...

R:
Eu veño do campo da psicoloxía deportiva, e tiven a sorte de traballar con varios deportistas de alto nivel, olímpicos, campións do mundo, e tamén con adestradores. Nestes momentos por exemplo estou a traballar con Miguel Ángel Lotina, levo dúas tempadas facendo un traballo de 'coaching' con el e co seu 'staff técnico' no Deportivo da Coruña.

O que traballamos neste ámbito son aspectos enfocados tanto a mellorar as habilidades persoais como as habilidades para comunicarse, neste caso co equipo. Ver como coa mensaxe que eu lle teño que transmitir ao equipo imos dar con esa clave que é a esencial para rendir ben neste e en cada partido.

Ademais do deporte, dende hai cousa de ano e medio puxen en marcha cun socio unha empresa, QCoach, coa que empezamos a introducirnos tamén no ámbito empresarial e político, e tivemos a sorte de que está dando moi bos resultados.

A forza da rivalidade
P:
¿Que persoa lle gustaría que pasara polas súas mans para adestrala?

R:
A verdade é que non me preocupa tanto o nome, o que eu intento é que darlle a calquera persoa que pase por aquí un trato igual sexa un campión do mundo, sexa un deportista de iniciación, encontrar esa tecla, facerlle ese traxe a medida que permita que esa persoa mellore, o cal produce unha gran satisfacción.

Logo é certo que me gustan os retos. Por exemplo, no ámbito do tenis, teríame encantado traballar con Roger Federer cando pasou esa etapa na que estaba desesperado porque Nadal lle gañaba todo. Encantaríame traballar con Federer, porque loxicamente Nadal é un dos deportistas insignia a nivel de rendemento mental pero ten debilidades, e esas debilidades eu as aprecio moi claramente.

P: É que cando hai rivalidade tamén entra en xogo o perfil do contrario...

R: Sí. Tanto no mundo do deporte, como no da política como no empresarial, a experiencia dime que detrás de cada personaxe hai unha persoa, e esas persoas teñen fortalezas e debilidades.

Moitas veces as fortalezas son as que exteriorizan, as que se ven, pero tamén hai debilidades que adoitan esconder moi ben. Os profesionais temos maior facilidade para detectar eses puntos débiles, e aí é onde entra a psicoloxía do rival, buscar o rendemento propio nesas flaquezas do contrario. Eu son un apaioxado desa área, de atopar esas debilidades dos que son os mellores.

Ambiente laboral e aumento da facturación
P:
Dende o 'coaching' tamén se traballa moito a formación de grupos de traballo, a creación de bos ambientes laborais, iso realmente beneficia á empresa?

R: Cando traballamos cos empregados, organizando por exemplo actividades lúdicas e dándolles unha aprendizaxe, o ambiente que se crea vai servir precisamente para o que buscan os empresarios, aumentar a productividade.

E como se aumenta a productividade? Con persoas máis motivadas, con persoas con actitude moito máis forte cara o traballo, con máis calidade de concentración nas horas que están no seu posto.

Nós imos configurando o que denominamos un contexto emocional positivo que fai que as persoas rindan moito máis, e cando as persoas rinden moito máis hai unha correlación directa coa productividade e cos resultados, e case sempre cunha maior facturación.

É moi chamativo, porque cando unha empresa ven a traballar con nós no ámbito do 'coaching' hai un antes e un despois, e no antes hai unha facturación e no despois unha facturación mellor. Realmente chama moito a atención como o factor humano ten unha repercusión directa no aumento da facturación dunha empresa.

Adeus ao xefe 'tirano'
P:
Acabou entón a época dos xefes tiránicos e os traballadores como simple máquina de producir, alleos ás circunstancias?

R:
A miña percepción é que o modelo de xefe autoritario está mudando. Todavía hai moitas empresas que por tradicionalismo manteñen ese estilo autocrático pero cada vez a tendencia actual é ir máis cara un estilo democrático. Cada vez é maior o número de directivos que se dan conta diso e acuden a nós para avaliar a súa actuación e ver como poden mellorar.

Pero ollo, estamos a falar dun estilo democrático pero con autoridade, porque moitos pensan ''Ah!, é que se son democrático perdo autoridade''. Non é así. O ideal é ter un estilo democrático con autoridade, porque non é bo nin un estilo autocrático nin un estilo permisivo, que tamén o hai, hai moitos directivos que son demasiado brandos.

Os políticos galegos
P:
Como 'coach', que tal avaliaría á clase política galega, como andamos en cuestións de liderado, capacidade de comunicación...?

R: En xeral temos como en todos os ámbitos, políticos a este nivel bos, algúns regulares e algúns que requerirían máis traballo. O que se pode dicir é que hai persoas dentro das tres forzas políticas que teñen un bo discurso, coherente, consistente, que se aprecia que está traballado.

E loxicamente tamén hai persoas que requerirían unha mellora, políticos que teñen bastante claros os seus argumentos pero os que lles falta bastante para conseguir comunicalos.

Aí estaría o papel do 'coach', que vai na liña de mellorar iso, de unha vez que tes claro o que queres dicir, mirar como dicilo, estudar a mellor maneira segundo a túa personalidade, a túa maneira de expresar, para que chegue a todo o mundo.

P: Esas estratexias tan estudadas non dan lugar a políticos demasiado estereotipados, pouco naturais?

R: No noso caso, esa non é a nosa forma de traballar. Desde Qcoach traballamos dándolle relevancia a como é cada individuo, non cambiamos persoas, non buscamos un modelo de persoa ideal, ou un modelo de líder ideal, facendo que todo o mundo traballe para ter esa imaxe universal do que é un bo comunicador, un bo líder ou un bo relacións públicas.

Nós non somos partidarios dun marcar un tipo de vestimenta determinada, nin dun tipo de discurso determinado, somos partidarios de adaptar o traxe á personalidade, a como é esa persoa e ó que quere dicir esa persoa, e sobre todo redactar o discurso á súa maneira de sentir esa mensaxe, para que exprese realmente con emocións, para que lle saia de dentro, para que non sexa unha farsa, ou para que non sexa simplemente un discurso político, senón que sexa un discurso que teña un tinte político pero que lle saia do corazón á persoa. Iso é o que intentamos.

O 'autocoaching'
P:
Pódese aplicar o 'coaching' a un mesmo?

R: Loxicamente. Eu creo que os bos 'coachs' son unhas persoas que teñen unha serie de características persoais, unha serie de habilidades, que deben adestrar no día a día, pero sen olvidar que son persoas tamén, e que todos temos días mellores e peores.

O 'coach' ten que aplicar os seus principios e técnicas consigo mesmo para, neses días peores, manter un nivel bo, para que neses días en que é difícil conseguir cousas, loitar por elas. Estou completamente convencido de que nós temos que ser os primeiros en dar exemplo.

Comentarios