Quiroga Díaz: "Se nos obstinamos nas leas internas está en perigo a supervivencia do PSdeG"

Profesor, director do museo de Arxeriz e deputado, Quiroga é un dos homes fortes do novo socialismo galego. "Caballero é un líder con maiúsculas", afirma

Xa tomou as primeiras decisións como secretario de Organización?
Decisións oficiais non. Estamos tomando asento e mando en praza e mañá [por este martes] reunirémonos.

Será unha toma de contacto ou xa comezará o traballo serio?
Un mix de todo. Por unha banda nunha composición tan ampla moitos nin nos coñecemos, así que definiremos o cometido de cada quen e as mecánicas de traballo. E tamén haberá que empezar a tomar decisións, claro.

Cales son as máis urxentes?
Son moitas, pero por indicar algunha, falar dos calendarios das primarias provinciais.

Fálase do de Lugo como o máis urxente e ao mellor o único que se celebra este ano porque existe unha xestora. Será así?
O de Lugo é urxente, pero en xeral temos que acabar con estes procesos internos para deixar de mirarnos a nós mesmos e ser unha ferramenta útil para a sociedade. Por iso queremos sacalos adiante e por iso un dos primeiros cometidos é o destas renovacións.

"Unha executiva é o máximo órgano de dirección para executar un programa e xestionar un proxecto político. Pretender trasladar cupos, cotas ou porcentaxes a ela non ten sentido"

Agarda congresos conflitivos?
Non teñen por que selo. Independentemente das diferenzas, todos somos compañeiros e compañeiras e temos un interese común: activar o partido. Así que independentemente de sensibilidades e matices, o prioritario é pór en marcha o PSdeG para estar en condicións de afrontar o gran reto das municipais, que será o noso primeiro test.

Repetirá o PSdeG os males dos últimos tempos, nos que o verdadeiro inimigo está dentro, ou será quen de abrir unha nova etapa?
Eu teño confianza, porque o que está en xogo é a supervivencia do partido como tal. Se a xente se obstina en non facer os deberes, en non ser útiles á sociedade e en estar en grescas internas, iso levaranos á marxinalidade. O interese de todos, guste ou non, é pór en marcha o partido, dotalo de estabilidade e camiñar cara adiante.

Nunha executiva tan numerosa sorprende que non haxa integración de todas as correntes, o que xa xerou certo malestar no sector de Villoslada. Que pasou?
Unha executiva é o máximo órgano de dirección para executar un programa e xestionar un proxecto político. Pretender trasladar cupos, cotas ou porcentaxes a ela non ten sentido; e aquí pedían [a órbita de Villoslada] que un 42% da executiva fose dese sector. Nun órgano de debate podería entenderse algo así para dar cabida ás distintas sensibilidades, pero nun órgano de dirección non poden existir cotas tan amplas. Outra cousa é a representación territorial, xa que máis ou menos todo o mundo quere estar aí; pero para ser operativos na xestión andar con iso de cotas non parece a mellor maneira de integrar.

"Gonzalo Caballero e eu vimos coincidindo politicamente desde hai máis de dez anos"

E cal sería entón?
Todos e todas estamos xa integrados dentro do mesmo partido.

Cando soubo vostede que ía ser secretario de Organización?
Estas cousas non son por oposición ou concurso [ri]. Gonzalo e eu vimos coincidindo politicamente desde hai máis de dez anos. Téñoo apoiado en procesos internos, temos moita coincidencia e desde o primeiro momento din un paso adiante porque non me parece un secretario xeral ao uso, senón que é un líder con maiúsculas.

A súa non foi logo unha das negociacións de madrugada?
Non, non. Son cousas que veñen sobrevidas por complicidade, contacto e afinidade.

Vese liderando tamén o PSOE a nivel provincial en Lugo?
Clarisimamente non.

E ten algún nome en mente?
Non, non. Precisamente imos pór algo de calma no proceso para que vaia levedando axeitadamente e poder chegar a unha solución o máis satisfactoria posible. Se non nos contenta a todos, polo menos que teña un apoio amplo.

Botou de menos a Besteiro no congreso da fin de semana?
Non, xa non está activo na política.

Comentarios