Juan M. Barros: ''O radón está presente no 25% dos casos de cancro de pulmón''

O investigador da USC e director do laboratorio galego do radón lamenta que a única normativa que exista sobre este gas en España sexa só no ámbito laboral.

P ¿Cales son os perigos da presenza de radón nos domicilios?
R Xa non hai dúbidas de que o radón é a segunda causa do cancro de pulmón na poboación xeral, e a primeira nos non fumadores. Nós baseamos as nosas investigacións desde 1992 no radón domiciliario, aínda que a única normativa relativa ao radón existente en España é, abraiantemente, a laboral. A instrución IS33 di que os titulares de empresas deberán medir a radiación en postos de traballo subterráneos e non subterráneos nos que se sospeite que hai perigo. O límite que fixa é de 600 bequerelios, e para edificios públicos onde a xente permaneza tempo, algo moi ambiguo, é de 300. Leva un ano en vigor e aínda non se cumpriu.

P ¿Que tanto por certo de casos provoca o radón?
R Calculamos que entre un 9 e un 12% dos casos de cancro de pulmón; os americanos falan dun 12 a un 15%. E cando se xunta co tabaco, supera o 25%. É dicir, na cuarta parte ten participación. Nos de non fumadores, en todos.

P En Galicia houbo un intento de regular a exposición doméstica a este gas, pero non callou...

R Tratouse de facer a través das normas de hábitat, que foron logo cambiadas polo novo Goberno. E a efectos españois tampouco hai porque o Código Técnico de Edificación de 2006 mantivo no caixón as propostas do Consejo de Seguridad Nuclear e a Fundación Edurado Torroja. Temos a promesa de que cando o Consejo publique a ampliación do mapa de radón se identifiquen as áreas problema, as que teñen máis do 10% de casas por riba dos 200 bequerelios.

P ¿Están definidas en Galicia?
R A nós sáenos que estarían en áreas problema máis do 35% dos concellos de Galicia. En Ourense e Pontevedra é tremendo.

P No entanto, hai países que si teñen lexislación ao respecto.
R Si. En Suíza hai unhas obrigatoriedades. Pero nós non pedimos obrigación, senón recomendación, que isto se meta no Código Técnico de Edificación para que o construtor e o arquitecto saiban que teñen que facer. Ninguén lles vai prohibir construír nunha finca que puidese ser susceptible de ter radón; o único que lles van esixir é que se constrúa sempre a proba de radón.

P ¿Iso encarece o custo?
R Hai menos de 10 anos os americanos falaban de 3.000 euros.

P ¿Foi este custo unha das razóns para botar abaixo as recomendacións nas normas do hábitat?
R Si, porque a ignoracia é a nai de todos os atrevementos.

P ¿E poden adaptarse as casas xa construídas?

R Totalmente. Reducimos o radón no Museo do Pobo Galego nun 40 ou 50%, e nalgunha casa, o 98%.

P ¿Falta moito para completar o mapa do radón en Galicia?
R Non, pero hai algúns municipios nos que hai moi poucas medidas. A última versión que fixemos inclúe 3.004 domicilios.

P ¿Seguirán as medicións?
R Estabamos financiados por varios proxectos de investigación, pero iso acabouse e o único que podemos facer é que, se nos chaman, medimos, e quen nos chame ten que pagar o detector.

Comentarios