Juan Picos: "O obxectivo era completar dous terzos da matrícula e conseguímolo"

O director da Escola de Forestais aplaude a continuidade do título pontevedrés no novo mapa universitario ►"Fixemos os deberes"
Juan Picos
photo_camera Juan Picos

Está pendente de recibir o informe oficial por parte da Vicerreitoría do campus de Pontevedra, pero tralas declaracións realizadas o pasado martes polo rector da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, o director da Escola de Enxeñería Forestal amosou a súa satisfacción pola continuidade da titulación que imparte este centro no mapa universitario galego, a pesar de non completar a matrícula mínima esixida.

"Fixemos todos os deberes que tiñamos que facer: superamos o plan de viabilidade, temos o título acreditado, a Q de calidade... Fixemos o traballo bastante ben", subliña Juan Picos, que leva catro meses no cargo.

A isto súmase, en palabras de Mato, que dá acceso a unha profesión regulada e trátase dun título con valor que está consolidado.

O "único defecto" de Enxeñería Forestal é que non cubriu as 45 prazas ofertadas. O mínimo e o máximo, neste caso. "Ofertamos só 45. Teoricamente é o mínimo que establece o decreto de universidades, pero tamén é o máximo, porque somos un centro pequeno, con vocación práctica. Temos que contar con grupos pequenos e sacar a xente ao monte", explicou.Ademais, trátase dunha titulación "moi específica", adaptada perfectamente ao Plan Boloña.

Juan Picos Director da EE Forestal
"A colaboración coa Escola Politécnica de Lugo non a vexo como unha ameaza, senón como un apoio ao que facemos"

Picos lembra que a resposta da Xunta ao plan de viabilidade presentado pola Escola foi positiva, ao igual que o seguemento posterior. "Foi aprobado pola Secretaría Xeral de Universidades. A UVigo fixo os deberes".

Así, á espera de ver o informe "polo miúdo", o obxectivo é "seguir traballando para complementar os títulos do campus, da Universidade e de Galicia".

De momento as cifras de matrícula para o presente curso, que xa leva dous meses en marcha, non están pechadas, "pero o ano pasado foron máis ou menos 30 alumnos en primeiro e este ano por aí andaremos. O obxectivo era completar dous terzos da matrícula e conseguímolo". O sector está de plena actualidade debido á vaga de lumes, pero este feito non se traduce na demanda. "Ás veces as desgrazas fan sensibilizar á xente do papel que ten o sector forestal, pero son cousas independentes. Ás veces a saúde valórase cando non se ten e o monte é o gran descoñecido ata que temos un problema e ese problema é de todos", manifesta o director da EE Forestal, que agarda, "polo ben de Galicia, que isto poida servir para que a aposta do país polos montes: máis diversificación, mellor conservación e máis produción".

Picos tamén se referiu á iniciativa do Reitorado de compartir sinerxias con grados homólogos como o que imparte a USC en Lugo. "A nosa vocación é colaborar con titulacións irmás e con outros centros do sector como a Misión Biolóxica, O Arereiro, o Centro de Investigacións Forestais ou o CFEA Lourizán, así como coa Escola Politécnica Superior de Lugo. Temos que beneficiarnos –subliña–. Non o vexo como unha ameaza, senón como un apoio ao que estamos facendo". Así, destacou que todos eles conforman "unha peza importante na engranaxe da formación forestal de Galicia, que é das máis importantes de España".

Comentarios