Kósovo na encrucillada

O pulso entre a independencia e a autonomía de Kósovo esgota as súas posibilidades. O tempo límite para tomar decisións, aínda que sexan unilaterais, semella esgotarse arredor do día 10 de decembro, unha data demasiado achegada como para ser optimista, tendo en conta a incapacidade dos gobernos serbio e albanokosovar para pactar uns mínimos comúns. Serbia chegou a ofrecer toda caste de símbolos nacionais (bandeira, himno, forza policial, seleccións deportivas, oficinas de representación no exterior), mais non acepta a soberanía de Kósovo, un punto innegociábel para o goberno independentista de Hashim Thaçi. O actual bloqueo xa só permite falar en termos absolutos: branco ou negro, independencia ou autonomía, Estados Unidos ou Rusia.

A situación xa non se pode analizar soamente en clave de secesión nacionalista. Hai que pensar tamén nas cicatrices que deixaron as catro guerras dos Balcáns nos anos noventa (Eslovenia -1991-, Croacia -1991/1992-, Bosnia -1992/1995- e Kósovo -1999-) e mais na coartada xeopolítica: Kósovo como peza en disputa entre o proxecto euro-atlántico e o proxecto euro-asiático. Unha independencia unilateral aliñaríao da banda estadounidense, coa entrada na OTAN e na Unión Europea como ritos de paso. Pola contra, a súa autonomía dentro de Serbia manteríao na área de influenza rusa, no cinturón de estados afíns que tenta reconstruir Vladimir Putin.

Kósovo atópase daquela no mesmo lance que Ucrania, escindida entre un futuro proeuropeo ou outro prorruso, mais sen contar coa súa potencia económica. Sen industrias e cun desemprego do 75% entre os mozos de 15 a 24 anos, de que viven en Kósovo? Quizais das divisas que envían os seus emigrantes, mais sobre todo do mercado negro, dos tráficos ilegais. Nisto os seus paralelos son máis ben Trandsnístria, Abecásia, Osetia do Sur ou Chechenia: estados pantasma no límite xusto do imperio ruso, peóns dun gran xogo xeoestratéxico do que, ao contratio que no século XIX, tamén queren tomar parte. Garatir un futuro viábel para a economía kosovar é un dos desafíos que teñen que resolver os padriños da súa independecia. Só así poderían evitar a creción dun estado mafioso, dun estado fallido.

A pegada serbia en Kósovo
O continuo trasego de poboacións polo continente europeo ten erosionado moitos dos mitos fundacionais que se crearon durante o romanticismo. A heteroxenidade étnica dos territorios provoca que moitas mitoloxías nacionais, algunhas delas contrapostas, se superpoñan nel. Ese é un dos límites dos nacionalismos actuais: Como defender a identificación entre terra e pobo cando ese pobo xa non é maioritario nesa terra? Ningún pasado histórico resiste á forza do presente.

Nese tobo se atopa agora mesmo o nacionalismo serbio cando quere defender a súa lexitimidade sobre Kósovo, o territorio onde se ubican boa parte das súas xestas patrias: nel tiveron lugar os principais acontecementos da época heroica do Reino de Serbia, aló polo século XIV, durante o reinado do Zar Stefan Dusan, un tempo que segue ben presente na mitoloxía ultranacionalista. A presenza de mosteiros ortodoxos como o de Gracanica convértese nun símbolos político da presenza eslava neste territorio.

Unha independencia unilateral apoiada polos Estados Unidos e maila Unión Europea non garantizaría en absoluto a estabilidade no país, mais ben o contrario. Fican soamente uns 120.000 serbios dentro das súas fronteiras, o 5% da poboación, a maioría concentrados no norte. A súa abstención masiva nos pasados comicios demostra que seguen os dictados de Belgrado, polo que no caso de independencia unilateral é pouco probábel que acepten a súa integración no novo estado. En troques, hai hipóteses que anuncian a súa desobediencia civil, unha actitude que confirmaría a partición efectiva do país, separado de facto dende 1999. Este escenario podería complicarse con novos enfrontamentos interétnicos, chegando ao extremo de producir a emigración masiva desta poboación cara o interior de Serbia. Unha emigración forzada, quizais mesmo escoltada polos efectivos da KFOR: a limpeza étnica ao xeito de Occidente.

O futuro destino de Kósovo pode converterse nun precendente negativo para futuros movementos políticos, tanto nos Balcáns como nesa fronteira difusa entre o mundo euroatlántico e o mundo euroasiático. A independencia de Kósovo, sen dúbida necesaria e lexitima para os albanokosovares, podería ter consecuencias envelenadas de non pactala con Belgrado: nun clima de tensión e descontento os ultranacionalistas serbios poderían acadar o poder a comezos de 2008, para logo incentivar a secesión na Republica Srpska de Bosnia, a metade oriental do país habitada polos serbios. A cuestión non é daquela se Kósovo debe ser independente, senón cal sería o prezo que esa independencia lle custaría aos seus cidadáns e aos de toda a rexión.

Comentarios