A batucada final de Crassh pecha o festival

Kull d´Sac plántalle lume a Pontevedra en Itineranta

A presenza internacional marca a segunda xornada de Itineranta cos franceses Picto Facto e cos colombianos Tchyminigagua, que viñeron nos seus zancos con patíns
Imagenes de las calles de Pontevedra este miércoles, el primer día del Festival de espectáculos callejeros Itineranta
photo_camera Imagenes de las calles de Pontevedra este miércoles, el primer día del Festival de espectáculos callejeros Itineranta

Cabaret e lume mesturánronse este mércores na última montaxe da segunda xornada do Festival de Espectáculos de Rúa Itinerantes de Pontevedra, Itineranta, que trouxo de novo á cidade a uns vellos coñecidos: os membros da compañía Kull d’sac, de Valladolid. Ademais de neste mesmo festival, teñen participado na Feira Franca. Burlesque era a proposta que presentaron este mércores á noite, unha actuación de parodia e esaxeración, protagonizada por un mestre de cerimonias e unhas vedetes que fixeron da desvergoña e da provocación unha arte na Praza da Ferrería.

A xornada do mércores da oitava edición deste evento, que coordina Troula, serviu tamén para dar entrada ás dúas primeiras compañías de fóra de España que participan no festival. Os franceses Picto Facto foron os encargados de abrir as montaxes da tarde con Coruscants, un show protagonizado por un trío de cómicos que portan unhas esculturas inchables. Ofreceron (como xa fixera Bambalúa o martes cos seus Cacharros) unha versión de día e outra de noite.

Por outra banda, dende Colombia chegaron Tchyminigagua coa montaxe Futurismo galáctico, a través da que, entre outras cousas, percorren as rúas das cidades montados en zancos con patíns. Os personaxes futuristas que protagonizan o show sorprenderon ao público do Itineranta, que volveu ateigar as rúas do centro para poder ver os distintos espectáculos.

A programación incluíu tamén unha nova actuación dos cataláns Actua Productions, que, se o primeiro día conquistaron aos nenos da cidade co El pequeño Lilo, unha proposta protagonizada por un can xigante articulado, este mércores fixérono con Gigantes. Desta vez percorreron as rúas do centro histórico con outros tres monicreques xigantes articulados, personaxes que representaban o sol, a lúa e a natureza e que se adicaron a interactuar co público.

Comentarios