Labregas polos dereitos das persoas e non polos privilexios dos especuladores

Neste 8 de marzo as mulleres labregas galegas sairemos ás rúas para lembrarmos a necesidade de mudar políticas que están a empobrecer á maioría das persoas e nomeadamente ás mulleres. A prioridade que os gobernos lle están a dar aos intereses do capital financeiro, con máis de 39.000 millóns de euros do erario público neste 2013 só para pagar xuros da débeda pública, a través do recorte dos orzamentos destinados a financiar os servizos públicos esenciais para o desenvolvemento das persoas (ensino, sanidade, servizos sociais, políticas de igualdade...), está ademais a ter unha especial incidencia na zona rural, o que supón unha importante precarización da vida das mulleres.

Con unha gran dispersión xeográfica, tenta implantarse un modelo sanitario que supón a supresión de servizos que ata o de agora había nas comarcas e o desprazamento ás grandes cidades para acceder aos mesmos, con distancias que ás veces supoñen a diferencia entre a vida e a morte. Cada ano comeza un novo curso académico con supresións de colexios, comedores escolares, transportes... no rural, especialmente nas zonas de montaña, condenando aos nosos nenos e nenas a unhas condicións de vida inaceptables. A paralización da Lei de Dependencia, os recortes en políticas sociais, medios para loitar contra a violencia que afecta ás mulleres e en materia de igualdade supoñen un retroceso de décadas para as mulleres.

Pese a contarmos con unha Lei de titularidade compartida que entrou en vigor neste último ano, o certo é que máis de 30.000 mulleres labregas galegas seguen traballando sen ningún tipo de dereito no noso agro, porque dende a administración non se desenvolveu esta lexislación, facilitando o proceso ás mulleres interesadas e informando dos trámites necesarios ás delegacións de Facenda e as axencias agrarias comarcais. Ducias de labregas dirixíronse a estes organismos para solicitar a titularidade compartida e recibiron en resposta que non estaban claros os trámites que había que facer ou mesmo que descoñecían a normativa. No fondo está a desinterese clara da administración polo desenvolvemento da lei e a crenza de que non é unha necesidade importante. Que as mulleres traballen toda unha vida nas explotacións e os ingresos veñan exclusivamente a nome do seu cónxuxe, que non podan facer ningunha xestión sen permiso, que non figure ningún ben dese traballo común ao nome delas ou que non sexan recoñecidas como traballadoras, e que en innumerables ocasións teñan unicamente a saída de loitar nos tribunais por estes dereitos, pareceralle á nosa administración “o normal”.

Centos de mulleres tiveron que deixar neste último ano de cotizar á seguridade social agraria debido á conxunción que supón a caída de prezos agrarios e á suba dos custos dos seguros. Este problema social, nun contexto no que cada vez se pide unha maior cotización para as futuras pensións esixe que se tomen medidas con urxencia. A gran valoración que teñen os alimentos que se producen no agro galego e o feito de que gran cantidade dos produtos que chegan ás nosas mesas procedentes de miles de quilómetros poderían cultivarse na nosa terra, xerando emprego e riqueza nas nosas comarcas, é unha das saídas importantes na situación de crise actual. O rural achega interesantes posibilidades para o futuro que non deberíamos eliminalas por non apoiar as actividades agrarias e gandeiras con decisión ou na dinámica de seguir empeorando as condicións de vida dos seus habitantes. Este camiño só pode facerse protexendo os dereitos das persoas e a igualdade das mulleres.

Isabel Vilalba (secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego)

Comentarios