Lavar as mans

Lavar as mans é case unha condena para os nosos nenos e nenas occidentais, como un castigo que os maiores -cando cumprimos cos nosos deberes- lles impoñemos antes de cada unha das comidas, toda unha perda de tempo entre as brincadeiras e o prato quente. Na conxunción auga e xabón non está, parece ser, a clave para pasalo ben, agás cando os dous elementos se xuntan para transformarse en pompas que se elevan, quedan suspendidas por un tempo no aire, sen rumbo fixo e, sen máis, estoupan.

Un xesto, en aparencia tan nimio, como é o de abrir a billa -cando no fogar hai auga corrente- e lavar as mans resulta que é fundamental para evitar as enfermidades infecciosas. Só con auga e xabón pódense salvar miles de vidas, segundo informou Unicef o pasado 15 de outubro, no que conmemorou o primeiro Día Mundial de Lavar as Mans. A ONG internacional celebrou a xornada en 60 países en vías de desenvolvemento con distintas actividades dirixidas a concienciar a poboación e lograr que os rapaces sigan o hábito de hixiene antes das comidas e tamén despois de iren ao cuarto de baño.

Os datos que difundiu Unicef lévannos ao asombro: máis de 5.000 nenas e nenos menores de cinco anos de idade morren cada día a causa de enfermidades diarreicas que se poderían evitar. Coa fórmula máxica que mestura auga e xabón nas mans poderíanse aforrar máis de un millón e medio de mortes ao ano, e aínda máis: o pequeno xesto de hixiene pode reducir a incidencia de infeccións respiratorias nun 23 por cento, entre elas a pneumonía, que é a primeira causa de morte en menores de cinco anos e que anualmente mata 1,8 millóns de pequenos.

Haberíallo que explicar ben claro aos nosos fillos para que entendan que o castigo real é non dispoñer dunha billa para abrir, carecer de medios básicos coma o xabón ou non ter a posibilidade de adquirir bos hábitos de ninguén. Lavar as mans resulta ser fonte de saúde e indicio de benestar. ¡Que xesto tan pequeno e que importante!”. Sen dúbida ningunha, cómpre lavarmos as mans.

Comentarios