...axenda na Casa das Campás, 20.00 h

Ledicia Costas: "Moito nos queda por facer"

A escritora charla con Ramón Rozas na primeira cita do ciclo 'Conversas na Uvi'
Juan Manuel Corbacho, Ramón Rozas, Ledicia Costas, Manuel Morquecho e Miguel Ángel Rodríguez
photo_camera Juan Manuel Corbacho, Ramón Rozas, Ledicia Costas, Manuel Morquecho e Miguel Ángel Rodríguez

Di que a presentan moitas veces, nos colexios que visita, como Escarlatina, a protagonista da súa obra de máis sona (Escarlatina, a cociñeira defunta), que foi a que lle valeu o Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil en 2015. Ledicia Costas acéptao. "Téñolle moito cariño e moito respecto a todos os meus personaxes. Hai moito de min neles".

A escritora viguesa foi a encargada de protagonizar, onte, na Casa das Campás, a primeira cita do ciclo Conversas na Uvi, que organizan conxuntamente Diario de Pontevedra e a Universidade de Vigo. O coordinador desta proposta, o crítico e columnista Ramón Rozas, foi o encargado de conducir unha charla á que asistiron o director deste xornal, Miguel Ángel Rodríguez; o vicerreitor do Campus de Pontevedra, Juan Manuel Corbacho, e o responsable da Área de Extensión Cultural, Manuel Morquecho.

Costas falou do seu interese, dende cativa, por cuestións relacionadas co mundo dos mortos, "por culpa do meu avó Eugenio, que me levaba todas as semanas ao cemiterio", interese que despois acabou levando aos seus libros, e falou tamén do que significou para a súa carreira o Premio Nacional. "Dende aquel 5 de outubro de 2015 vivo nunha voráxine da que aínda non saín", dixo.

IGUALDADE. A escritora falou da importancia que o recoñecemento ás mulleres escritoras ten nunha sociedade na que "para chegar ao mesmo sitio que os homes, temos que facer o triple, e moitas veces nin así chegamos", dixo. "Moito nos queda por facer". Que existe un problema con respecto á igualdade, para Costas é evidente dende o momento no que se lle pregunta por que elixe a personaxes femininas para protagonizar as súas historias. "É o meu termómetro. Cando che preguntan por iso é que algo pasa. Igual que cando che preguntan que por que escribes en galego".

A experiencia da autora sobre o uso da lingua nos colexios non é boa. "O panorama, sobre todo nas grandes cidades, é desolador. Hai nenos que che fan unha pregunta en castelán e cando o profesor lle pide que a faga en galego dinche que non son capaces de facela. E ves que non son capaces. Estamos ante un auténtico problemón. Que vai suceder en 25 anos?", preguntou a escritora, que tamén reflexionou sobre o peso da lingua nos plans de estudos. "Quedou excluída de todas as materias científico-tecnolóxicas. Como se non tivese o prestixio suficiente para eses temas. Como se dous máis dous non fosen catro en galego. Iso a min dóeme, claro".

"As mulleres, para chegar ao mesmo sitio que os homes, temos que facer o triple. E moitas veces nin así chegamos"

"Con respecto á lingua, o panorama, sobre todo nas grandes cidades, é desolador. Hai nenos que non saben falala e dincho"

Ademais de desvelar cuestións do ámbito persoal, como que o libro que marcou para ela un antes e un despois, sendo moza, foi Cartas de inverno, de Agustín Fernández Paz, ou que, a pesar de rematar a carreira de Dereito, nunca se atopou cómoda no despacho de avogados no que traballou tres anos, Ledicia Costas reivindicou o papel da literatura na sociedade. "Para min é fundamental o respecto polo diferente. Sempre me pareceu moi interesante a xente que sae da norma que nos impoñen e que é expulsada. Interésame a defensa da diferenza. Porque o medo ao distinto fai saír o peor das persoas", explicou. "Por iso escribo estas historias, porque penso que este tipo de libros son necesarios. Quizais teño unha visión utópica da literatura, pero penso que ten que estar aí para iso, para axudar a formar unha visión crítica".

Comentarios