"Lembrádevos de gozar, bailar e beber. É tempo de parodiar e ridiculizar"

Membros da agrupación Os de Sempre ao finalizar a súa actuación. rafa fariña
photo_camera Membros da agrupación Os de Sempre ao finalizar a súa actuación. rafa fariña

Un repaso pola historia recente da cidade marcou o pregón do Entroido 2014, que onte ofreceu a agrupación pontevedresa Os de Sempre, con Xosé Carlos Mouriño como portavoz.

«Estamos agradecidos de que o grupo de festexos nos elixira para isto. Persoalmente, creo que pensaran primeiro en Sara Carbonero», bromeou Mouriño dende a Praza da Verdura.

Falando sobre os inicios da festa en Pontevedra cos irmáns Muruais en 1878 comezou o seu discurso, que, pese ao seu carácter histórico, non deixou de lado as críticas, que no caso dos políticos foron para a ‘popular’ María Dolores de Cospedal.

Un dos intres que máis aplausos arrincou por parte do público foi a crítica á reforma da lei do aborto.

Como non podía ser doutro xeito, as súas verbas referíronse ao famoso papagaio Ravachol e á súa morte en 1913, pasaron pola saída do Entroido á rúa en 1984 e chegaron ata os últimos anos, nos que comezaron as primeiras edicións do certame das Murgas, as Parodias na rúa e a máis novidosa Festa Pirata.

Xosé Carlos Mouriño non deixou de lembrar a algúns dos membros de Os de Sempre xa desaparecidos, como Xosé Dapena.

«Lembrádevos de gozar, bailar e beber. Bebede viño do país, para beneficiar á xente do campo», lembrou.

«Pero este tamén é tempo de parodiar, protestar, reivindicar e ridiculizar», sinalou.

Á intervención de Mouriño seguiulle a parodia ‘Saír do armario’, por parte do resto dos membros do grupo, na que se fixo un alegato en favor do colectivo homosexual e que fixo que o público pedira «Outra!» ao seu remate.

Desfile

O día grande do Entroido de Pontevedra terá lugar hoxe sábado. Aínda que algunhas localidades galegas decidiron aprazar os seus desfiles polo mal tempo, como Vigo, a Concellería de Festas de Pontevedra quixo deixar a decisión ata o último momento, de xeito que, se non chove, a saída segue prevista para esta tarde ás 17 horas dende a Rúa Xosé Malvar.

As comparsas compoñeranse dun mínimo de 20 persoas que irán acompañadas de instrumentos musicais e interpretarán cancións carnavalescas ou pasarrúas durante o desfile. Tamén poden participar parellas e persoas individualmente. O xurado terá en conta o vestiario, a animación de rúa e a calidade musical.

Os disfraces premiados daranse a coñecer durante o transcurso da verbena do Entroido, que se celebrará a partir das 20 horas na Ferraría.

Os premios serán de entre 850 e 2.500 euros para as comparsas, de 500 a 2.400 euros para os grupos, de 200 a 350 euros para as parellas e de 120 a 250 para os individuais.

Xosé Carlos Mouriño foi o encargado de pronunciar as verbas que dan inicio á festa máis irreverente do ano

...programa para hoxe

sábado, 1 de marzo

11.00 * Pasarrúas polo centro histórico coa comparsa Os Canecos.

16.00 * Concentración na Rúa Xosé Malvar dos participantes no desfile para realizar a inscrición e recoller os seus números acreditativos.

17.00 * Desfile do Entroido 2014. Sairá da Rúa Xosé Malvar e pasará por Loureiro Crespo, Benito Corbal, Peregrina, Michelena, Praza de España e Rúa Alameda.

20.00 * Na Praza da Ferrería celebrarase a gran festa do Entroido de Pontevedra, durante a cal se fará entrega dos premios do concurso de disfraces en cada unha das categorías.

Domingo * A xornada do domingo de Entroido é de descanso en Pontevedra.

A Praza de Abastos muda nun barco pirata

Velas pregadas, canóns, espadas, cordas, bandeiras e moito parche no ollo. O Mercado de Abastos xa está de Entroido.

A concelleira de Promoción Económica, Carlota Román, visitou onte as instalacións municipais para supervisar o resultado do traballo que, durante as últimas semanas, desenvolveron os alumnos do módulo de Dinamización Comercial do Obradoiro de Emprego. O resultado está á vista.

Román, que se amosou sorprendida pola calidade da decoración, aplaudiu que tamén algunhas das praceiras e concesionarios depostos da Praza se sumaran á festa lucindo prendas propias do mundo pirata.

A entrada ao edificio, presidida polo papagaio Ravachol con gorro e parche no ollo, aparece transfigurada na popa dunha embarcación corsaria. As balaustradas acollen tres canóns por banda, os bolardos da escaleira configuran as cabezas da tripulación e o capitán. E sobre todo isto emerxe a imaxe dun gran mastro.

A escenografía inclúe tamén un mapa do tesouro, no que Ravachol desprega unha á para sinalar o Mercado Municipal e a igrexa da Peregrina.

A Praza ofrece tamén un ‘photo-call’ e a roda dun timón, no primeiro andar, no que é posible tomar divertidas imaxes.

Por outro lado, o Casino Mercantil de Pontevedra inaugurou onte unha mostra fotográfica con fotos antigas sobre a festa do Entroido que se pode visitar ata o vindeiro 9 de marzo.

Comentarios