Liberty

Houbo un lugar en Santiago no que amencín todos os venres. Un lugar no que aínda era noite pecha cando fóra brillaba o sol e as señoras limpaban os portais. Un lugar que no que a xente agardaba ansiosa facendo ringleiras como se dentro se fose cumprir o que anunciaba o letreiro: liberdade.

Pero non, dentro todo o mundo se volvía preso de bebidas denunciables que eran prognóstico de resacas incurables e sedes insaciables. Pero si, dentro todo o mundo se volvía libre para cazar e libre para ser cazado polos brazos que conducían a unha boca con sabor a tabaco ou simplemente pola copa que sostiñan na man.

Houbo un lugar de decoración indescritible, camareiros non cualificados e dj de vinilo onde din por perdidas as poucas esperanzas que en min quedaban ata que me despedía cun ojalá. Houbo un lugar do que a xente saía para ir almorzar, para coller un taxi ou para, como era o meu caso, tirarme na camiña de cadros azuis co corazón namorado.

Cando os venres se pasaban durmindo había un sitio para amencerse, mentres que as aplicadas de primeira fila repasaban cousas que a nós non nos importaban. Houbo un lugar feo e desagradable onde nos metiamos catro no sitio de dous, onde bebiamos lixivia por non beber auga e, aínda así, un lugar no que fomos, tan só fomos. Neste caso non procede dicir que sempre se van os mellores, pero vaise Liberty, ese lugar onde sendo estudante estudei a vida e onde estando estudado me rodei de modelos, fama, billetes de 500 e puchos de trenciñas que non tardei en deixar. Adeus Liberty, adeus xuventú.

Comentarios