A Feira Franca sen chuvia?

Os pontevedreses miran ao ceo e cruzan os dedos para que poidan gozar da cita desta próxima fin de semana

XA ESTÁ aquí a XVIII Feira Franca de Pontevedra. Posiblemente a festa máis importante do ano para a cidade do Lérez e de Interese Turístico de Galicia dende o ano 2013. E, como cada ano ,cando chega esta primeira fin de semana de setembro, moitos pontevedreses ollamos ó ceo con certa preocupación e inquedanza encomendándonos á 'deusa meteo' para que traia bo tempo, entendido como tal o tempo seco e soleado con temperaturas agradables ou algo altas.

Se algo aprendemos nestes case 20 anos de historia da Feira Franca, é que a primeira fin de semana de setembro é unha das datas máis seguras do ano para gozar de bo tempo nas Rías Baixas. E este ano non será unha excepción. As previsións indican que tanto na xornada inaugural do venres 1 coma na do sábado 2 de setembro, día grande da feira, "a situación meteorolóxica será relativamente estable, con algunhas nubes pero total ausencia de precipitacions e temperaturas agradabels" (24/26 graos de máximas 12/14 grados de mínimas). Sería xa na xornada dominical cando comezarían a entrar as precipitacions polo oeste de Galicia", segundo as previsións.

En todo este tempo, tan só en dúas ocasións a chuvia fixo acto de presenza coa suficiente forza coma para deslucir a festa medieval. Foi no ano 2011, cando unha fronte nubosa entrou a última hora da tarde-noite e provocou chuvias moderadas durante máis de tres horas e ata ben entrada a madrugada. E moito máis recordada é a Feira Franca do 2004, cando unha das treboadas máis intensas do presente século afectou a cidade de Pontevedra. Entre as 19.30 e 20.30 daquel sábado día 4 de semebro caeron máis de 20 litros por metro cadrado.

Moitas rúas da parte baixa do casco vello quedaron anegadas pola intensa tromba de auga. Polo contrario, na edición do 2007 o máis destacabel foi a intensa calor reinante con temperaturas máximas superiores ós 32 graos. O meteoafeccionado que aquí lles escribe definese como un apaixonado da Feira Franca que xa espera con ansia a chegada desta nova edición. Máis dunha vez lle puido a 'presión' ante tan intensa xornada de festa baixo o efecto dos caldos medievais de alta graduación. En contadas ocasións faltou a cita. Caprichos do medievo, a última ausencia foi polo nacemento do seu fillo Adrián en 2015. Pero era menester. Propicios días medievais a tod@s!!!

Comentarios