Libros para volver do verán

Os autores pontevedreses volven ás librerías polo outono ►O supervendas Manel Loureiro promete impactar aos lectores coa súa próxima obra, 'Veinte'. Compartirá protagonismo coa gran dama das letras galegas do ano que vén, María Victoria Moreno
O escritor Manel Loureiro no seu estudio de Pontevedra
photo_camera O escritor Manel Loureiro no seu estudio de Pontevedra

Manel Loureiro, María Victoria Moreno, Tamara Andrés, Kiko da Silva, Isaac Xubín, Manuel Lourenzo, Santiago Lopo e Rodrigo Cota son algúns dos protagonistas pontevedreses do outono-inverno literario deste ano. Todos eles publicarán traballo novo nos próximos meses.

Entre as novidades editoriais que se aproximan, a máis destacada é Veinte, a nova novela de Manel Loureiro, que sairá á venda, de novo coa editorial Planeta, o 20 de outubro. "¿Y si el destino de la humanidad estuviera en las manos de un grupo de jóvenes?", avanza sobre o argumento o selo na súa web. "Nadie sabe qué está sucediendo. La mayor parte de la humanidad se ha suicidado en pocas semanas, sin ningún motivo aparente ni conexión entre sí, mientras el mundo colapsa en medio de un caos creciente. Entre los escasos supervivientes se encuentra Andrea, una chica de 17 años con recuerdos borrosos y un gran secreto que ni ella misma conoce". Loureiro, autor supervendas, que acadou sona internacional coa súa triloxía Apocalipsis Z, protagonizada por zombies, promote volver enganchar aos seus lectores con esta historia de misterio e ciencia ficción.

O autor compartirá protagonismo nos próximos meses coa gran dama das letras galegas do ano que vén, María Victoria Moreno, á que se lle adicará o vindeiro 17 de maio. Galaxia xa anunciou que reeditará algúns dos seus títulos máis emblemáticos, como Anagnórise ou Guedellas de seda e liño, entre outras cousas.

FREIXANES. As de María Victoria Moreno non serán as únicas obras que ten previsto reeditar Galaxia, que tamén anunciou volver a "obras que marcaron unha época", como O triángulo inscrito na circunferencia, de Víctor Fernández Freixanes.

Rodrigo Cota reunirá algúns dos seus mellores artigos nun volume e Kiko da Silva homenaxeará a Castelao no álbum Alma galega

O selo que dirixe Francisco Castro publicará, ademais, cara final de ano, e coa intención de darlles protagonismo durante a celebración do Culturgal (no mes de decembro) dous importantes títulos dentro do panorama literario galego. Por unha banda, no que se refire á banda deseñada, lanzará o álbum Alma galega, de Kiko da Silva. Trátase dun traballo no que o debuxante vigués, xunto ao seu equipo, formado por alumnado do Garaxe Hermético, adapta ao cómic catro relatos curtos de Castelao pertencentes a Retrincos (1934) e Cousas (1926). Durante o último Saló do Cómic de Barcelona (no mes de marzo) Da Silva, gran admirador da faceta gráfica de Castelao, impartiu unha conferencia na Universitat de Barcelona sobre o proceso creativo levado a cabo nesta obra. O outro título será Corpo de Antiochia, da poiense Tamara Andrés, unha das voces máis destacadas da nova poesía galega.

Outra das novidades que ocuparán os andeis das librerías pontevedresas será o novo volume de Rodrigo Cota. O escritor, guionista e columnista pontevedrés ten previsto lanzar coa editorial local Ab Origine (da que el mesmo é impulsor xunto a Rafael Quintía, Miguel Alonso Cambrón e Valentín García Bóveda) unha escolma dos seus artigos no Diario de Pontevedra. A súa intención é que saia publicada cara o mes de outubro.

TRADUCIÓN. Non publica obra propia, pero si unha tradución, o escritor Isaac Xubín. Foi o encargado de traducir do éuscaro ao galego o último libro de Kirmen Uribe, A hora de espertarmos xuntos, Premio da Crítica de narrativa en éuscaro 2016. Precisamente nesa mesma edición dos galardóns da Crítica, Xubín fíxose co premio en lingua galega por Non hai outro camiño.

Publica esa tradución de Uribe a editorial Xerais, que tamén ten previsto sacar do prelo en breve obras de Santiago Lopo e Manuel Lourenzo. Lopo, afincado en Pontevedra, e Lourenzo, vilaboés, foron galardoados na última edición dos premios Xerais. O primeiro fíxose co premio de novela por A arte de trovar, un texto histórico ambientado no século XIII, protagonizado por unha troupe de artistas procedentes de Galicia, que percorre os camiños dunha Europa inmersa en duras loitas de poder, mentres o segundo gañou o Jules Verne de literatura xuvenil por Ceiba de luz, "novela que encaixa no canon do relato de aventuras no eido da experiencia científica, polo que acae perfectamente ao universo de Verne que lle dá nome ao premio, cunha trama marcada pola intriga policial e cun achegamento ao fantástico lovecraftiano", segundo indicaba o propio autor ao recibir o recoñecemento de Xerais.

Finalmente, a editorial que dirixe Manuel Bragado tamén ten previsto facer chegar á rúa o novo traballo do cangués Bernardino Graña, O neno mariñeiro, novela de carácter autobiográfico, no ronsel de Fins do mundo.

Comentarios