Libros para volver do verán

Os escritores do país volven ás librerías polo outono. O supervendas Manel Loureiro promete impactar aos lectores coa súa próxima obra, 'Veinte'. Compartirá protagonismo coa gran dama das letras galegas do ano que vén, María Victoria Moreno
Manel Loureiro
photo_camera Manel Loureiro

MANEL LOUREIRO, María Victoria Moreno, Tamara Andrés, Kiko da Silva, Isaac Xubín, Manuel Lourenzo, Santiago Lopo e Rodrigo Cota son algúns dos protagonistas galegos do outono-inverno literario deste ano. Todos eles publicarán traballo novo nos próximos meses.

Entre as novidades editoriais que se aproximan, a máis destacada é Veinte, a nova novela de Manel Loureiro, que sairá á venda, de novo coa editorial Planeta, o 20 de outubro. "¿Y si el destino de la humanidad estuviera en las manos de un grupo de jóvenes?", avanza sobre o argumento o selo na súa web. "Nadie sabe qué está sucediendo. La mayor parte de la humanidad se ha suicidado en pocas semanas, sin ningún motivo aparente ni conexión entre sí, mientras el mundo colapsa en medio de un caos creciente. Entre los escasos supervivientes se encuentra Andrea, una chica de 17 años con recuerdos borrosos y un gran secreto que ni ella misma conoce". Loureiro, autor supervendas -que acadou sona internacional coa súa triloxía Apocalipsis Z, protagonizada por zombies- promote volver enganchar os seus lectores con esta historia de misterio e ciencia ficción.

O autor compartirá protagonismo nos próximos meses coa gran dama das letras galegas do ano que vén, María Victoria Moreno, á que se lle adicará o vindeiro 17 de maio. Galaxia xa anunciou que reeditará algúns dos seus títulos máis emblemáticos, como Anagnórise ou Guedellas de seda e liño, entre outras cousas.

GALAXIA. As de María Victoria Moreno non serán as únicas obras que ten previsto reeditar Galaxia, que tamén anunciou volver a obras como O triángulo inscrito na circunferencia, do director da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes.

O selo que dirixe Francisco Castro publicará, ademais, cara final de ano, e coa intención de darlles protagonismo durante a celebración do Culturgal -no mes de decembro- dous importantes títulos dentro do panorama literario galego. Por unha banda, no que se refire á banda deseñada, lanzará o álbum Alma galega, de Kiko da Silva. Trátase dun traballo no que o debuxante vigués, xunto ao seu equipo, formado por alumnado do Garaxe Hermético, adapta ao cómic catro relatos curtos de Castelao pertencentes a Retrincos (1934) e Cousas (1926). Durante o último Saló do Cómic de Barcelona -no mes de marzo- Da Silva, gran admirador da faceta gráfica de Castelao, impartiu unha conferencia na Universitat de Barcelona sobre o proceso creativo levado a cabo nesta obra. O outro título será Corpo de Antiochia, da poiense Tamara Andrés, unha das voces máis destacadas da nova poesía galega.

Outra das novidades que ocuparán os andeis das librerías galegas será o novo volume de Rodrigo Cota. O escritor, guionista e columnista nos diarios El Progreso e Diario de Pontevedra ten previsto lanzar coa editorial local Ab Origine -da que el mesmo é impulsor- unha escolma dos seus artigos en ambos os xornais galegos. A súa intención é que saia publicada de cara ao mes de outubro.

TRADUCIÓN. Non publica título propio, pero si unha tradución, o escritor Isaac Xubín. Foi o encargado de traducir do éuscaro ao galego o último libro de Kirmen Uribe, A hora de espertarmos xuntos, Premio da Crítica de narrativa en éuscaro 2016. Precisamente nesa mesma edición dos galardóns da Crítica, Xubín fíxose co premio en lingua galega por Non hai outro camiño.

Publica esa tradución de Uribe a editorial Xerais, que tamén ten previsto sacar do prelo en breve obras de Santiago Lopo e Manuel Lourenzo. Ambos os autores foron galardoados na última edición dos Premios Xerais de narrativa. Santiago Lopo fíxose co premio de novela por A arte de trovar, un texto histórico ambientado no século XIII e protagonizado por unha troupe de artistas procedentes de Galicia, que percorre os camiños dunha Europa que se atopa inmersa en duras loitas de poder. Mentres, o segundo gañou o Jules Verne de literatura xuvenil por Ceiba de luz. "A novela encaixa no canon do relato de aventuras no eido da experiencia científica, polo que acae perfectamente ao universo de Jules Verne que lle dá nome ao premio, cunha trama marcada pola intriga policial e cun achegamento ao fantástico lovecraftiano", segundo indicaba o propio autor ao recibir o recoñecemento de Xerais.

Finalmente, a editorial que dirixe Manuel Bragado tamén fará chegar estes días á rúa o traballo de Bernardino Graña O neno mariñeiro, unha novela de carácter autobiográfico, no ronsel de Fins do mundo.

Comentarios