Libros que empezan cun esgarro

En 'Como ler literatura', Terry Eagleton di que as primeiras palabras dunha obra teñen algo de ensaiado...

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

EN COMO ler literatura, Terry Eagleton di que as primeiras palabras dunha obra teñen algo de ensaiado, como se o autor aclararase a gorxa para presentar a escena de xeito formal. Donald Ray Pollock, no comezo de Knockemstiff —un deses libros que, para gozalos mellor, te obriga a pechar os ollos—, tamén tuse a carraspeira, pero para botar un esgarro: "O meu pai aprendeume a magoar a xente unha noite de agosto no autocine Torch cando eu tiña sete anos. Era o único que se lle deu ben algunha vez".

—0—

Queren varrer para debaixo da alfombra a súa corrupción secuestrando palabras. Na rapina ultraliberal hai máis palabras raptadas que montoneros desaparecidos nas ditaduras arxentinas. Unha delas é 'imputado', agora 'investigado', por homeopatía lingüística. Son legalmente sospeitosos, chámenlle como lle chamen.

—0—

Á crítica o primeiro que lle vén ao tecleado é western crepuscular. Vale que hai rangers e que transcorre en Texas —pero Texas nunca foi Far West— e os personaxes calzan botas de pel de serpe e sombreiros Stetson. E mesmo os protagonistas non son heroes, senón só homes atropelados pola vida. Pero o xénero que revisa Hell or High Water é o de foraxidos, non o de vaqueiros. O Marcus Hamilton de Jeff Bridges, brandoniano, non mide menos que o guicho Lebowski, pero tampouco o Tanner Howard de Ben Foster (personaxazo) nin o Toby Howard do sorprendente Chris Pine. A película de David Mackenzie está escrita por Taylor Sheridan cunha exactitude que non taxa emocións nin diálogos onde se resumen o filme, o ser e a nada: "Fun pobre toda a vida. Tamén os meus pais. E os seus pais. É como unha enfermidade que se transmite de xeración en xeración. Vólvese unha enfermidade. Infecta todas as persoas que un coñece. Pero non os meus fillos. Xa non. Todo é deles agora. Nunca matei ninguén na miña vida, pero se queres que empece contigo, adiante, vello".

—0—

Non vin a este val de letras para sufrir. Pero a min quen me divirte é Pajarito de Soto, o personaxe de Eduardo Mendoza: non o conde duque marciano.

Comentarios