A liquidación de Cerdedo e Cotobade por separado deixa un superávit de preto de 500.000 euros

Trátase do último peche de contas que os concellos fusionados fan por separado, correspondente ao ano 2016

O Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de rematar cos traballos para emitir a derradeira liquidación de contas dos dous municipios integrantes, correspondente ao ano 2016, e que é a última que recolle os datos económicos dos dous por separado.

A liquidación, segundo o Concello, ofrece un superávit global de 493.000 euros. Cómpre lembrar que a fusión foi oficializada a mediados de outubro e os servizos económicos optaron por rematar as contas do exercicio en curso por separado, para evitar confusións e posibles incidencias administrativas.

Finalmente, as liquidacións separadas, que foron rematadas recentemente polos técnicos municipais, o Concello de Cotobade obtivo unha liquidación favorable de 344.000 euros, mentres que a de Cerdedo se situou en 149.000 euros.

Cómpre sinalar que estes 493.000 euros supoñen algo máis do 15% dos 3,2 millóns de euros dos dous derradeiros orzamentos municipais por separado, "o que demostra a boa xestión realizada por ambos gobernos para chegar á fusión nas mellores condicións económicas", engadiu o presidente da xunta xestora do Concello, Jorge Cubela.

Ademais, este superávit que se coñece agora complétase coa liquidación de toda a débeda existente en Cerdedo por parte do novo concello, despois de que no primeiro semestre deste ano se cancelara a única póliza de crédito que se mantiña en vigor, por importe de 160.000 euros, con fondos de 2016 pertencentes ao concello de Cerdedo, que é a mesma Administración que a subscribira.

FORTALEZA. Jorge Cubela cre que esta cifra de superávit "demostra a fortaleza económica do novo concello e a boa xestión que se fixo por separado antes de comezar esta andaina común" e sinala que este balance favorable, xunto co forte incremento dos ingresos derivado dos premios económicos á fusión, así como do posto privilexiado que Cerdedo-Cotobade ten en todas as convocatorias polo feito de ser un dos dous únicos concellos fusionados no territorio galego, "é o que nos permite subir os investimentos, garantir e mellorar os servizos públicos e seguir baixando impostos como vimos facendo durante todo este ano".

O rexedor aproveitou este dato, que xa era agardado polo Goberno local e así o anunciou repetidamente, para lamentar a postura "destrutiva" da oposición, á que acusou de "tentar alarmar, incluso con mentiras, da situación económica de ambos municipios, co único obxectivo de atacar o proceso de fusión para tentar desgastar ao Executivo", afirma o primeiro edil.

Comentarios