‘Lo niño con lo niño’…

Pois ao final vai resultar que o século XXI chegou, pero pouco. Ou chegou por partes e en partes. Por exemplo, parece que aos Estados Unidos vén de chegar esta mesma semana con esta nova xeira presidencial que nela se inaugura. Un presidente negro, mi madriña. E ceibando os discursos que ceiba!

Xa só queda que algunha vez a presidencia do mundo (ou dos Estados Unidos, que che é o mesmo) sexa ocupada por unha muller, para que o país do colesterol feito hamburguesa entre definitivamente nos tempos actuais do terceiro milenio.

Porque a ninguén se lle escapa que no ano que estamos, 2009, todo o mundo occidental está pola igualdade de sexos. Todo? Non! Un pequeno reduto, nun tamén pequeno país, segue a resistirse a facer normal a convivencia cotiá de mulleres e homes (e viceversa). Ese reduto actúa agochado en forma de colexios privados concertados, mais o escandaloso de seu xa non é a segregación sexista que fan nas súas aulas á hora de impartir educación (?). O malo é que, cando menos até o de agora, fixérono contando con cartos públicos, ou sexa, de todos/as nós.

E agora que a Consellería de Educación –a estas alturas aínda- vén de anunciar a modificación da orde en virtude da cal non se subvencionará a centros educativos (ou o que sexa) que arreden ao alumnado por cuestión de sexo, sae algún dos directores destes ghettos a pór o berro no ceo e, unha volta máis, encheren a boca coa palabra máis desprezada tradicionalmente por estes integristas do apartheid sexual: liberdade.

A nova orde, di, atenta contra a liberdade dos pais de elección de centro. Sobre ser mentira e gorda esta afirmación, cumpriría engadir ademais que a orde e a lexislación educativa en xeral é magnánima e mesmo cómplice coa postura destes centros.

Tan defensores cando convén da Constitución (ou sexa, cando se trata de botarse enriba sobre aqueles que defenden, aínda que sexa do xeito máis pacífico do mundo, a súa modificación), e tan transgresores da mesma cando se trata de discriminar educativamente por razóns de sexo.

Daquela, o cabreo coas autoridades educativas hai que telo, pero por outros motivos: limítanse a retirarlles a subvención (ou sexa, a deixar de fomentar o sexismo cos meus cartos e os de todos/as vostedes), pero non lles impiden en absoluto que sigan a ciscarse na suposta igualdade recollida na lei de leis con argumentos paramedievais. E a iso chaman estes directores “atentado contra a libre elección dos pais”.

Cal debe ser daquela o seguinte paso para contentar a certos pais? Crear aulas onde se separen alumnos brancos de alumnos negros? Ou alumnos de sangue nobre e alumnos de sangue proletario? É isto o que entenden estas persoas ou personaxes por “libre elección dos pais”? Pois cos meus cartos non, obrigado. Xa é abondo lamentábel por parte das autoridades educativas que tan sequera lles permitan desenvolver unha educación sexista e segregacionista, e máis aínda vendo as consecuencias que esta visión retrógrada segue a ter para moitas mulleres.

E se con todo seguen a sentirse discriminados estes centros que parecen os lavabos dun bar (xa saben, homes para un lado e mulleres para o outro), pois propóñolles que se unan e cren unha asociación: a Asociación Fernando Esteso.

Si, en efecto, un dos líderes espirituais do humor-carepa hispano, parella cinematográfica e espiritual de Andrés Pajares, que no seu día creara ese grande éxito dos vinilos: “Lo niño con lo niño, la niña con la niña”. Non estaría mal, non cren? Poderíase facer desta sen par melodía o himno oficial destes centros, e deste xeito, sería conmovedor ver como en festas colexiais, actos académicos, ou en inicio e clausura de curso, todos dun lado e todas do outro entoan como se fosen unha soa voz: “Lo niño con lo niño, la niña con la niña...”.

Comentarios