Lores destaca en Corea que Pontevedra recuperou "o espazo público"

O alcalde da cidade, que viaxou ao país asiático para recibir un premio de urbanismo, foi recibido como "o grande heroe do século XXI"

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, celebrou este mércores unha rolda de prensa na cidade de Jeonju, en Corea do Sur. O rexedor trasladouse ata o país asiático para recibir o premio Cittaslow (International network of cities where living is easy) a Pontevedra. "Queremos que Jeonju se pareza á mellor cidade do mundo, que neste momento é Pontevedra", sinalou o alcalde de Jeonju, SeungSu Kim na comparecencia ante os medios. O intendente principal da Policía Local, Daniel Macenlle, tamén se trasladou ata Corea.

O alcalde de Jeonju destacou o exemplo que para o mundo supón Pontevedra, con Fernández Lores ao fronte "que está sendo o grande heroe do século
XXI, polas súas boas prácticas urbanas". A intención de SeungSu Kim é converter a cidade que goberna nunha urbe peonil, camiñable e amigable, sen vehículos.

Lores agradeceu a invitación e recordou que en Pontevedra, nos últimos 18 anos, intentaron "recuperar o espazo público para as persoas, que naquel momento estaba sendo invadida polos coches". Un bo número de alcaldes coreanos do movemento Cittaslow xa visitara Pontevedra en xuño de 2016.

JEONJU HYANGGYO. A conferencia de prensa celebrouse nas instalacións de Jeonju Hyanggyo, unha antiga escola confuciana moi ben conservada que data de hai máis de 400 anos e está considerado Tesouro Histórico en Corea.

Previamente, Lores e Macenlle fixeron unha visita polo Wanpanbon Culture Center, próximo ao Jeonju Hyanggyo, para coñecer o traballo de recuperación de antigas publicacións coreanas impresas con taboas de madeira.

Tamén participaron en dous actos tradicionais coreanos como convidados especiais da cidade de Jeonju. Foi no pobo Hanok de Jeonju, barrio tradicional onde se atopan máis de 800 vivendas de estilo coreano. No primeiro asistiron ao desfile de traxes rexionais realizados por deseñadoras locais e, incluso, chegaron a vestir e desfilar con eles como sinal de recoñecemento.

Comentarios