Luis Suárez e a cadea perpetua

Sempre manifestei o meu desapego polo fútbol. Paréceme un deporte interesante, onde se combinan certas doses de estratexia e de condición física, pero non máis que en calquera outro. Pero o que máis me sorprendeu sempre foi o negocio, absolutamente desmesurado que xira ao redor deste deporte. 
Nesta miña desafección aparecen algúns elementos que a aumentan a pasos axigantados. Sempre me interesei polos movementos sociais e polas modas. En toda a literatura científica aparece o caso do fútbol como expoñente de permisividade, de rivalidade que chega en demasiadas ocasións ao conflito, en elemento de unión, de euforia colectiva e un cento de cousas máis.
Iso vímolo cando centos de persoas se concentran ás portas do xulgado para homenaxear a Leo Messi, que acababa de recoñecer un fraude a Facenda de varios millóns de euros e volvémolo ver hai uns días co caso Luís Suárez.
Non fai falta que lles diga que Suárez é un xogador que foi amonestado varias veces por cometer barbaridades no campo. En calquera patio de colexio, recriminaríamos claramente a un neno que morda a outro xogando ao fútbol. Cando isto o elevamos á categoría de Mundial de Fútbol a cousa non pode quedar nunha reprimenda, senón nunha sanción clara. Estamos falando de morder, un acto que pouco ten que ver cos valores que deben aportar un deporte do nivel do fútbol. 
Cando vin as imaxes xa aventuraba un certo clamor social a favor do xogador. O que non me esperaba son as declaracións de todo un presidente do goberno, como José Mugica, falando de complots e de dereitos de fútbol e de non sei cantos millóns de dólares que estaban en xogo. Entendería que o presidente dixese algo parecido se na final, o árbitro pitase catro penaltis en contra con faltas que se produciran no medio do campo, pero sinceramente creo que o máximo culpable de que o xogador tivera que marchar é o propio Luis Suárez. Imaxínense que un vendedor se dedicase a morder a outro da competencia durante un negocio. Supoño que o xefe o despediría inmediatamente e non creo que ninguén se sorprendese.  Tampouco me parece que despedir a unha persoa durante uns meses se poida denominar cadea perpetua, como di o seu avogado. 
Creo que non debemos ser tan permisivos co fútbol, por moito que levante paixóns. Non debemos aceptar que os clubes teñan débedas multimillonarias co Estado. Tampouco creo que debéramos permitir que a uns xogadores, por gañar, se lle paguen primas de 700.000 euros a cada un, e que acabamos pagando todos. Tampouco creo que debamos permitir que non pase nada cando un xogador morde a outro no campo de fútbol. 

Estou seguro de que tardaremos moitos anos en entender que o fútbol é un deporte e un negocio, que debe ter unhas regras claras e rexerse por normas como fai calquera outra empresa. Fraco favor nos facemos cando permitimos todas estas cousas, as asumamos, e aínda por riba alentemos eses fantasmas dos complots contra os Estados dentro dos campos de fútbol. 

Comentarios