Maica Larriba achega a Forcarei o programa 'Administración Preto de Ti'

Persoal técnico da Administración desprázase cada semana a concellos da provincia con menos de 8.000 habitantes para ensinarlle á veciñanza a realizar trámites

Maica Larriba explicoulles aos veciños de Forcarei o programa 'A Administración Preto de Ti'. DP
photo_camera Maica Larriba explicoulles aos veciños de Forcarei o programa 'A Administración Preto de Ti'. DP

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, visitou esta martes o concello de Forcarei, onde foi recibida pola súa alcaldesa, Verónica Pichel, para presentar o programa A Administración Preto de Ti aos veciños e veciñas deste municipio, un dos últimos polos que pasará esta iniciativa.

Desde que no mes de novembro arrincou a súa andaina en Vilaboa, o programa percorreu xa 31 dos 33 concellos pontevedreses aos que ten previsto chegar. Durante estes meses, centos de persoas realizaron diferentes trámites administrativos sen a necesidade de desprazarse.

Cada semana, persoal técnico da Subdelegación do Goberno achégase a concellos da provincia con menos de 8.000 habitantes, onde informa, orienta e liquida todas as dúbidas da cidadanía sobre os servizos dixitais aos que pode acceder.

A subdelegada incide na importancia de dotar de ferramentas dixitais a cidadanía dos concellos máis pequenos

A subdelegada do Goberno en Pontevedra animou a todas as veciñas e veciños dos concellos aos que queda por chegar este programa a que acudan a estas citas, xa que é "unha oportunidade única para tramitar o certificado dixital, ferramenta clave para poder realizar infinidade de trámites administrativos sen necesidade de desprazarse fóra do domicilio co consecuente aforro de tempo e tamén de diñeiro que isto conleva".

Larriba mostrou, así mesmo, a súa satisfacción pola receptividade da cidadanía durante estes tres meses nos que o programa percorreu parte do territorio da provincia. Nas comarcas do Deza e Tabeirós o programa visitou os municipios de Rodeiro, Vila de Cruces, Agolada, Dozón, Cerdedo-Cotobade e Forcarei.

A representante do Executivo incidiu na importancia de dotar de ferramentas dixitais a cidadanía dos concellos máis pequenos para que poidan realizar desde os seus domicilios trámites básicos como a xestión de prestacións, permisos de conducir, certificados de vida laboral ou os pagos de taxas públicas, entre outros.

Comentarios