Máis de 29.000 persoas vacináronse xa contra a gripe na área sanitaria

A cifra supón un aumento de 247 pacientes con respecto ao mesmo período do ano pasado
Unha muller pon a vacina contra a gripe en Pontevedra
photo_camera Unha muller pon a vacina contra a gripe en Pontevedra

Máis de 29.000 persoas vacináronse xa contra a gripe na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés desde que comezou a actual campaña, o pasado 23 de outubro. Este balance supón un incremento de 247 pacientes con respecto ao ano 2016 neste mesmo período.

Exactamente, a campaña antigripal na área sanitaria suma 29.097 persoas vacinadas, das cales a maior parte se corresponden ao grupo de risco de poboación maior de 60 anos. En concreto, 12.529 dos vacinados foron maiores de 75, mentres que 5.035 foron usuarios con idades comprendidas entre os 70 e 74 anos, 4.060 de entre 65 e 70 anos, 3.634 de entre 60 e 65 e 5.083, menores de 60 anos de idade. Con respecto a outro dos grupos de risco, a día 8 de novembro, na área de Pontevedra e O Salnés xa se vacinaran 102 mulleres embarazadas.

A nivel provincial, Pontevedra é o territorio que mellores datos obtivo ao inicio da campaña, pois contando tamén a área de Vigo hai 690 persoas máis vacinadas que durante no mesmo período de 2016.

A campaña contra a gripe diríxese a todas as persoas de 60 ou máis anos, así como tamén ás de entre seis meses e 59 anos que pertenzan a algún grupo de risco, por exemplo, aquelas que teñan enfermidades crónicas cardiovasculares ou respiratorias, procesos crónicos, enfermidades metabólicas crónicas (diabetes) ou inmunodeficiencias, os nenos e adolescentes con tratamentos prolongados de aspirina, persoas con obesidade mórbida e mulleres embarazadas.

Tamén se inclúen na poboación diana os grupos que poden transmitir a gripe a outras persoas de alto risco (como traballadores de centros sanitarios ou residencias), así como aqueles que desenvolven traballos esenciais para a comunidade, como policías e bombeiros.

Un ano máis, o principal obxectivo desta campaña é minimizar o impacto da gripe na poboación galega mediante a vacinación, procurando diminuír o número e a gravidade das complicacións derivadas de padecela.

Para acadar estas coberturas entre a poboación, a Consellería de Sanidade establece axendas de citación especial para a vacinación nos centros de saúde de Atención Primaria. Será a partir da cuarta semana de campaña cando os profesionais de Enfermería promocionarán a vacinación mediante un consello telefónico dirixido á poboación de entre 65 e 74 anos. Este ano, a campaña contra a gripe prolongarase ata o vindeiro 29 de decembro.

Comentarios