Manolo Escobar e cultura popular

Esta semana morreu un dos máximos expoñentes da cultura popular española. Manolo Escobar foi o autor e intérprete que durante varias décadas animou as noites de verbena de boa parte das vilas de todo o estado. Co anuncio da morte do artista, recordei as nocións que estudara sobre a alta cultura e a cultura popular, que logo se transformo una cultura de masas. Non os quero aburrir con cuestión teóricas, pero si lembro que a división era clara a mediados do século XX e pouco a pouco foise diluíndo ata chegar a unha situación na que non se pode estereotipar a ningún polo consumo cultural que fai. É por iso que nos concertos dos xoves da Real Filarmonía de Galicia non se distingue á xente por levar ou non chaqué. Máis ou menos vestimos todos igual. Tampouco nos podemos asombrar se señores de corbata están na cola do último espectáculo de Leo Bassi ou no concerto de Rafael ou do finado Manolo Escobar. A democratización do consumo cultural permite que as posibilidades de acceso a todo tipo de eventos aumentaran de xeito exponencial. Polo tanto, xa non hai que cumprir determinados requisitos sociais ou culturais para poder consumir e, por iso, xa non existen os estereotipos tradicionais. Coincide toda esta reflexión co novo panorama cultural que se está configurando. Hai un par de días souben que os espectáculos en directo máis caros de media son, precisamente, os dirixidos ao público que non paga: os nenos. Deste xeito, asistir a unha actividade dos Cantajuegos, grupo infantil de moda, é bastante máis caro que ir a un concerto dunha orquestra filarmónica que concentra a medio centenar de músicos profesionais. Do mesmo xeito, asistir ao concerto da última estrela da televisión xuvenil, como Hanna Montana e os seus sucesivos, ten un custe que supera os 50 euros por persoa. É mais, agora o complicado é ir ver un partido de fútbol, quizais o exemplo máis claro de cultura popular, que exceptuando honrosas excepcións ten un prezo realmente elevado para un par de horas de espectáculo. A industria cultural está en clara transformación. Moitos consideran que está a piques de morrer, pero a maioría pensamos que como en outros negocios, está sufrindo importantes transformacións. É certo que hai problemas engadidos que hai anos non existían, coma a piratería, pero tamén é certo que temos as maiores posibilidades que nunca tivemos para consumir calquera cousa cultural, desde a música ata o cine. O ocio no fogar asumiu o principal protagonismo nas nosas vidas e por iso os lugares estables de consumo cultural corren un grave risco, coma os cines e os teatros. Sen embargo, non debemos confundir isto cunha baixada do consumo, senón cun cambio de hábitos que, para o bo e para o malo, transforma todo o ecosistema. Aínda así, calquera mínima acción que se faga para volver ao estatus anterior dá bos resultados. Fíxense as colas que había estes días nos cines grazas á baixada de prezos e saiban que os grandes artistas, coma Manolo Escobar, seguían enchendo estadios de Fútbol.

Comentarios