Manuel Jabois presenta en Pontevedra a súa obra 'A estación violenta'

jabo2.JPG
photo_camera jabo2.JPG

«Pregúntome ás veces para quen fomos importantes, e quen nos quixo, ou quen quixo querernos. Tamén está o tempo incontable, invisible e imperecedoiro ».

Así comeza Manuel Jabois ‘A estación violenta’, a súa primeira novela, editada por Morgante. O xornalista presentou onte a obra no Café Moderno de Caixa Galicia, que quedou pequeno ante a gran cantidade de xente que se achegou ata alí para tal ocasión. Acompañado polo crítico e historiador de arte Ramón Rozas e a representante da editorial, Penélope Pedreira, asegurou que «é un libro alleo a min, escrito por outro que fun eu, cun ritmo do outro que xa non son eu». «O certo é que hoxe, cando o fun buscar, e vino tan pequecho, tan pouca cousa, tiven un ataque de amor. Como os fillos parvos. É o meu», bromeou ante os asistentes.

O autor, sempre moi crítico consigo mesmo, dixo que ten unha relación de amor-odio con ‘A estación violenta’: «Hai cousas que están realmente moi ben, e tamén outras descaradamente mal. Pero non é unha mala primeira novela. Case diría que é unha boa primeira novela. Inmadura, excesiva e case fantástica: ideal». Nesta liña afirmou que seguirá escribindo: «Gustaríame vendela, e gustaríame que se lese. E se non gusta, escribirei outra. E se non, outra. E eu comprométome a escribir unha tras outra ata que algunha lle guste a alguén».

Manuel Jabois quixo adicar o último momento da súa intervención aos agradecementos, que centrou especialmente na súa muller, amigos e compañeiros de Diario de Pontevedra.

Pola súa banda, Ramón Rozas, que foi o encargado de presentar a obra, non se cansou de expresar a súa admiración polo autor, ao que calificou como un dos mellores columnistas de Galicia, e recalcou que a novela ten unha grande influenza de William Faulkner.

‘A estación violenta’, escrita hai tres anos, cando o autor tiña 27, trata sobre a historia de tres amigos que se reencontran despois da rematar os seus estudos na universidade e que volven revivir vellos tempos. Dende hoxe mércores estará á venda na librería Michelena de Pontevedra e a partir do día 2 en tódalas da cidade.

Comentarios