martes. 20.08.2019 |
El tiempo
martes. 20.08.2019
El tiempo

"Un escribe para devolverlle algo á vida"

Manuel Lourenzo, esta semana, en Pontevedra
Manuel Lourenzo, esta semana, en Pontevedra
Con 'Ceiba de luz', a novela coa que gañou o último premio Jules Verne de literatura xuvenil, volve o vilaboés Manuel Lourenzo ás librarías. Faino por partida dobre, porque Kalandraka lanza unha edición renovada de 'Animais de compañía'. "E, por primeira vez, vanme traducir ao inglés".

XA TIÑA o premio Merlín (por Irmán do vento, 2003) e o Premio Xerais de novela (por O xardín das pedras flotantes, 2008). O pasado mes de xuño, Manuel Lourenzo (Vilaboa, 1955) convertíase no segundo autor que recibíu os tres galardóns que entrega anualmente a editorial Xerais. Só o conseguira antes Marilar Aleixandre. Lourenzo fíxoo ao acadar o Jules Verne de literatura xuvenil por Ceiba de luz. Estes días o título chega ás librarías. Faino ao mesmo tempo que outro volume do mesmo autor, neste caso dirixido a cativos, Animais de compañía (1999), un dos primeiros textos que publicou a editorial Kalandraka, que agora se reedita con novas ilustracións de Óscar Villán. Licenciado en Pedagoxía e catedrático de Lingua e Literatura galegas, Lourenzo, hoxe xubilado, exerceu como mestre no IES Torrente Ballester, o quinto. É un dos escritores máis laureados da súa xeración. Entre outros gañou os premios Carvalho Calero, García Barros, Blanco Amor e O Barco de Vapor.

Só unha autora antes que vostede conseguíu facerse cos tres premios Xerais.

As tres coroas, que dicían o día da entrega dos galardóns en San Simón. Para min, que toco diferentes xéneros e me dirixo a diferentes tipos de público, é un orgullo chegar a conseguir estes tres premios, sobra dicilo.

Son tres premios nunha nómina de máis dunha ducia de recoñecementos. Son importantes para un autor os galardóns literarios?

Por un lado, para un autor supoñen un recoñecemento ao traballo feito. Por outro, para a obra supoñen un empurrón de cara ao público: dos premios fálase, reséñanse, etc. Neste sentido, cabería preguntarse se alguén repetidamente premiado debería seguir presentándose a concursos. Pero é que algo que se presupón que conlevan os premios, un recoñecemento a nivel xeral, no meu caso non se dá. Eu non me sinto recoñecido no ámbito da literatura galega.

"O recoñecemento que dan os premios non se dá no meu caso. Non me sinto recoñecido no ámbito da literatura galega"

Pero iso é un paradoxo.

Supoño que si. Pero é como me sinto: non se me encaixa no ámbito literario, non teño presenza nel. Son inexistente mesmo en Pontevedra, onde quizais máis me doe esta situación. Os premios son para min entón un xeito de manterme presente no ámbito literario.

Ceiba de luz, unha novela de aventuras, recibiu o premio Jules Verne. Non podía ser máis acaído o nome do galardón.

Certo. É unha novela de aventuras nun sentido pleno e clásico, con incursións no ámbito da literatura detectivesca, porque hai unha trama de por medio, e no ámbito do misticismo.

Ten falado dun achegamento ao "fantástico lovecraftiano".

Iso é. Pero mellor non explicalo máis para non desvelar a trama da obra. É un remexido de todo iso que digo, agardo que ben artellado. Iso terá que decidilo o autor.

De onde saíu a historia?

Pois a historia comezou polo final. Logo foise construíndo todo o anterior. Non sempre é así: cada libro ten o seu proceso de elaboración. Pero neste caso, ocorréuseme a idea coa que remata a historia e funa construíndo a partir de aí.

"En xeral (a literatura) non debe ser didáctica nin instrumentalizarse para transmitir ideas. Un debe evitar, na medida do posible, impoñer as súas ideas ou opinións no que escribe"

A publicación de Ceiba de luz coincide no tempo coa reedición de Animais de compañía, un álbum infantil con preto de 20 anos.

De feito, é un dos primeiros que publicou Kalandraka. Se non me equivoco, o terceiro ou o cuarto. Estivo moito tempo esgotado e, por unha serie de problemas non se puido reeditar ata agora, que o fai con ilustracións dun debuxante diferente. Na primeira edición eran de Enjamio e nesta serán do gran Óscar Villán, que fixo un traballo extraordinario. Desta vez sae tamén, ademais de en galego, en castelán. Para min é unha alegría porque é un libro ao que lle teño moito agarimo. Foi o primeiro libro infantil que publiquei e sei que foi moi apreciado por pais e mestres.

Podía imaxinar naquel momento o lonxe que chegaría Kalandraka?

Non sei se cheguei a pensalo, pero dende logo o inicio foi xa moi potente e moi ben levado. Tiveron unha visión de futuro e souperon traballar nese camiño.

Canto hai do mestre nos libros que escribe para cativos?

Agardo que pouco. Dígoo no sentido de que o mestre trata de educar, de transmitir unha serie de coñecementos e valores, de encamiñar aos rapaces... E eu penso que a literatura non debe servir para iso. En xeral non debe ser didáctica nin instrumentalizarse para transmitir ideas. Non debe ser panfletaria, non debe adoutrinar. Un debe evitar, na medida do posible, impoñer as súas ideas ou opinións no que escribe.

"Non sei se un escribe para que o lean, pero que o lean é necesario"

Que debe ser entón a literatura?

Esa pregunta é tremenda. E moi seria. Que debe ser a literatura? Para min debe ser unha maneira de devolverlle á vida o que a vida che dá. Non quería poñerme místico, pero podería ir por aí. Un escribe para devolverlle algo á vida. Escribe para poñer en palabras aquilo que a vida lle entrega e que refai na cabeza. É un xeito de compartilo co exterior. E debe facelo o máis honestamente posible, case como un observador neutro.

"Escribo para que me quieran más mis amigos", dixo Gabriel García Márquez.

Pode soar tópico, pero eu nin me paro a pensar nisto porque é algo que sae directamente de min. Teño que facelo e nada máis. En tempos, xa remotos, intentei outras cousas. Gustábame moito o teatro, gustábame moito debuxar. Ata que un moi querido amigo me aconsellou que me adicara ao que se me daba ben de verdade, que era escribir. Pero fíxeno dende sempre. Eran páxinas que ía acumulando ata que acabaron vendo a luz. Xa digo, escribir para min sempre foi unha necesidade.

Os libros que lle publican Xerais e Kalandraka coinciden ademais coas súas primeiras traducións ao inglés.

Así é. Supoñen un paso para min moi importante. Acaban de saír traducidos ao inglés, na editorial Small Stations Press, dous dos meus libros. Trátase de Irmán do vento e Flor de area. Publícanse este mes e eu enténdoo como un salto adiante na miña carreira, un pasiño máis co que, en principio, non contaba.

Porque, en definitiva, un escribe para que o lean.

Non sei se un escribe para que o lean, pero que o lean é necesario.

"Un escribe para devolverlle algo á vida"
Comentarios