Marcar as diferenzas

Sigo con atención as eleccións europeas que se celebran o día 25. Detecto que hai varias cousas que son iguais en todas as eleccións pero resultoume especialmente interesante o debate sobre as diferencias entre as propostas do Partido Popular e do PSOE. Non recordo que nunhas eleccións se falara deste tema. Curiosamente, hai poucas semanas tamén tivemos unha campaña electoral para elixir o reitor da Universidade de Santiago de Compostela e tamén se estableceu o mesmo debate. Creo que está de moda o asunto do bipartidismo e das forzas políticas pequenas e polo tanto fanse especiais esforzos en marcar as diferenzas. De feito, creo que se fan máis esforzos en diferenciarse que en definir as follas de ruta. Hai moitas cousas no día a día que só teñen unha interpretación e tamén unha soa solución. Por exemplo, todo o mundo entende que o paro é o problema máis grave e que a solución pasa polas melloras da economía. Nisto son todos iguais e a diferenza radica nas formas de proceder para lograr facelo. Neste xogo participan varios. Os medios de comunicación que incidimos no asunto; os propios políticos que entraron de cheo no asunto e boa parte das mensaxes principais desta semana centrábanse en dicir que non eran iguais; os partidos minoritarios que se fartan de poñer exemplos de similitudes entre os grandes partidos. No medio deste debate asalta a tendencia de esixir aos grandes partidos que se poñan dacordo para as grandes decisións. Parece un paradoxo, cando menos curioso, no que nos queixamos pola mañá do parecido que son os partidos e pola tarde de que non sexan capaces de chegar a puntos en común para que nos vaia mellor a todos. No ano 1998, o magnífico Norberto Bobbio publicou un dos libros de cabeceira da ciencia política dos anos noventa que se titulaba “Dereita e esquerda”. Alí, Bobbio analiza se realmente hai unha diferencia nas políticas de esquerdas e de dereitas e chega a conclusión positiva. Afirma que si, que hai dúas formas claras de facer política aínda que é certo que os novos tempos provocaron cambios importantes e apareceron varios movementos moi importantes que unen os dous polos. O tempo lle dá a razón a Bobbio e, se observan, todos os partidos políticos que nacen agora critican os modelos políticos tradicionais pero seguen respectando a división entre o que se denomina “progresistas” e “conservadores. Sen embargo, hai cousas que están cambiando dun xeito curioso. Destaco o nacemento de movementos políticos que xa levan varias lexislatituras crecendo e que agora están dando o salto á política europea. Falo de UpyD, de Ciutadans e incluso de Anova, partidos políticos que por distintas razóns lograron un oco importante nos parlamentos e incluso nos gobernos. Non me atrevo a dicir que o bipartidismo está desaparecendo nin moito menos, pero si é certo que unha parte importante de votantes empeza a considerar opcións impensables hai trinta anos. Xustamente agora, en eleccións a un parlamento con 750 diputados, será un bo momento para ver as forzas de todos estes partidos que naceron nos 27 países que forman a Unión. Veremos, pois, a forza real de todos os pequenos e dos dous grandes.

Comentarios