Marea de Marín propón pedir a revogación da prórroga a Ence en Lourizán

Os tres concelleiros do grupo presentaron unha moción na que reclaman o apoio do Concello ás mobilizacións contra a medida
Os tres concelleiros de Marea e o seu responsable de comunicación (segundo pola esquerda)
photo_camera Os tres concelleiros de Marea e o seu responsable de comunicación (segundo pola esquerda)

O grupo municipal de Marea Veciñal de Marín vén de presentar unha moción ao Pleno da Corporación na que propón instar ao Goberno do Estado en funcións "á revogación inmediata da prórroga concedida a Ence por un período de 60 anos", tal e como sinala no escrito, que será debatido, con toda probabilidade, na vindeira sesión ordinaria que se celebre.

Ademais, Marea pretende que "o Concello de Marín se posicione en contra da permanencia do complexo industrial Ence-Elnosa na ría de Pontevedra" e que apoie "todas as mobilizacións sociais favorables á revogación da dita prórroga na concesión". Deste xeito, os concelleiros da formación pretenden acadar un posicionamento claro por parte do Goberno local en canto a este tema, xa que o resto da oposición xa amosou a súa demanda de retirada das fábricas do seu emprazamento actual.

"Vimos de coñecer esta prórroga concedida a Ence, por un período de 60 anos, por parte dun Goberno do Estado en funcións, e somos moitos os colectivos e asociacións que ó longo destes días amosamos o noso descontento por que teña tomado a dita decisión", sinala Marea na súa moción.

Entende o grupo político que "un Goberno en funcións non está lexitimado para tomar unha decisión que afecta a 60 anos, que vai condenar ás cidades e vilas da ría de Pontevedra a convivir cun núcleo industrial que tantos prexuízos provoca á nosa saúde, ó sector marisqueiro e pesqueiro e aos nosos recursos naturais".

Así mesmo, entende que "Ence fai uso dos terreos a un prezo irrisorio, evitando pagar chan industrial, no que é un trato de favor que vulnera a libre competencia da que tanto presumen os defensores do libre mercado", engade que "xa é sabido que a empresa, con sede fiscal en Madrid, é unha industria que funciona con portas xiratorias, con exemplos como o da ex-ministra Isabel Tocino ou o ex-conselleiro Carlos del Álamo, o cal nos vén indicando a estreita relación entre Ence e o PP, e abre a porta á catalogación da decisión como algo máis que antiética".

Ademais do posicionamento xa coñecido do BNG e do PSOE en contra do emprazamento do complexo industrial, nos últimos días tamén se posicionaron neste sentido organizacións como Queremos Galego Marín ou Colectivo Nacionalista de Marín.

Comentarios