"Esta montaxe artellouse aquí: 'Desconexión' ten moito de pontevedresa"

María Costas, o dragón e Valle-Inclán

A actriz afincada en Pontevedra é unha das protagonistas de 'A cabeza do dragón', que se poderá ver este xoves no Principal
María Costas nunha función de 'A cabeza do dragón'
photo_camera María Costas nunha función de 'A cabeza do dragón'

O primeiro Valle-Inclán traducido ao galego chega a Pontevedra. Faino este xoves, dentro do ciclo Ponteatro, da man de Quico Cadaval e de Producións Teatrais Excéntricas, que porán en escena a súa última montaxe, A cabeza do dragón (Premio de honra Roberto Vidal Bolaño ao Mérito nas Artes Escénicas na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia). Na peza, que se poderá ver no Teatro Principal (21.00 horas, www.ataquilla.com, 8 euros), unha das protagonistas é a actriz María Costas.

Viguesa afincada en Pontevedra dende hai 15 anos ("porque esta cidade é marabillosa, diría que case é a envexa de calquera parte de Europa"), Costas é tamén unha das protagonistas da que promete ser unha das películas do ano en Galicia, Dhogs, que vén de pasar polo Festival de Cine de Sitges, ademais de compoñente do grupo Antilia, "co que estamos a punto de entrar a gravar un novo disco".

Pero este xoves á noite, no Principal, a actriz, popular entre o público polo seu papel na serie da Televisión de Galicia Casa Manola, encomendarase ao enxeño de Valle-Inclán para multiplicarase enriba do escenario. "Fago varios papeis, pequeniños, pero todos moi tolos e divertidos. Quizais o máis destacado é o de bandoleira, a muller de Espandián, que é o malo da función. É unha muller coqueta, atrevida e un pouco canalla, pero que no fondo ten moi bo corazón", explica. "Pero tamén fago a un príncipe adolescente que é un pouco rabudo, fago dun monicreque que non fala, fago de treboada...".

ESTÉTICA. Cadaval colleu o texto orixinal do dramaturgo para presentarllo aos espectadores cunha estética moi particular, segundo María Costas, un dos puntos fortes da montaxe. "É unha posta es escena preciosísima. Quico quería como recrear un ambiente oriental. Baltasar Patiño deseñou unha escenografía moi limpa, cunha luz marabillosa, inclúese unha especie de transparencias con cousas que ocorren detrás delas... Hai unha chea de detalles que contribúen a facer desta unha función realmente especial". Ela di gozar especialmente dos momentos nos que os trucos do teatro se poñen á vista do público. "Esa cousa de mostrar como é o teatro dentro do teatro. As treboadas facémolas diante do público, o vento tamén... A iso me refiro. Quico consegue que todas esas cousas resulten fermosas e divertidas".

Da mesma maneira, Costas destaca tamén que a posta en escena conte con música orixinal de Javier María López, gravada polo Taller Atlántico Contemporáneo. "É un luxo, porque por momentos vólvese imprescindible e achega unha intensidade especial".

Fronte á controversia que rodeou a tradución de Valle-Inclán ao galego e a oposición que viña mantendo a familia do dramaturgo neste sentido, a actriz di que tanto o elenco como a xente da compañía se enfrontou á montaxe con total naturalidade. "Sabes que o anterior espectáculo que fixen con Excéntricas era de Diderot? Podíase traducir a Diderot ou a Shakespeare ao galego, pero non a Valle-Inclán? Iso, para min, non ten ningún sentido", explica María Costas. "Nós vivímolo con absoluta normalidade, como debería ser, e nada máis".

Comentarios