María Varela: "Escribo sentindo cada palabra nas xemas dos dedos"

A redactora xefe de Diario de Pontevedra María Varela recibe o Premio Francisco Fernández del Riego nun acto no que Miguel-Anxo Murado recolle o Julio Camba
Miguel Ángel Escotet entregándolle o Premio Fernández del Riego a María Varela
photo_camera Miguel Ángel Escotet entregándolle o Premio Fernández del Riego a María Varela

Cun discurso emotivo, apegado á súa familia, ao tempo que reivindicativo, facendo fincapé na importancia do xornalismo independente na sociedade actual, do uso do galego e da presenza das mulleres nos medios, a redactora xefe do Diario de Pontevedra María Varela recibiu onte, no Café Moderno, o Premio Francisco Fernández del Riego deste ano. Afundación e o ámbito cultural de El Corte Inglés son as institucións que entregan este galardón de xornalismo literario, ao tempo que o Julio Camba (en lingua castelá), que este ano recaeu en Miguel-Anxo Murado.

Os dous galardoados estiveron acompañados polo presidente de Afundación, Miguel Ángel Escotet; o director do ámbito cultural de El Corte Inglés, Ramón Pernas, e os membros do xurado do certame Alfredo Conde, Víctor Fernández Freixanes e Carlos Valle. No nome destes últimos falou Conde, que se referiu aos textos premiados como «dous espléndidos artigos».

Trala lectura da acta do xurado e do seu artigo, María Varela recolleu o Fernández del Riego de mans de Escotet, que pouco antes fora o encargado de introducir o acto. «Eu escribo desde sempre. O faiado da miña casa de Lugo acubilla algúns contos de nena. Sempre gardei todo nun caixón e só llelo lía ós meus irmáns», contou a xornalista durante o seu discurso de agradecemento. «Hoxe escribo, ou procuro facelo, sentindo cada palabra nas xemas dos meus dedos. Co reloxo mirándome de esguello. Co pudor á espreita, ó día seguinte, por deixar o pensamento espido ás veces, a alma núa outras. E coa ilusión de que, se alguén escolle as miñas palabras, se sinta engaiolado por elas e dalgunha maneira compartamos un momento ou unha emoción».

Varela explicou que o artigo co que gañou o Fernández del Riego, ‘Cóxegas e tortas’, publicado no Diario de Pontevedra o 29 de abril de 2016, saíu dun momento de intimidade cos seus fillos. «Nalgunhas ocasións basta unha frase, unha soa palabra, unha caricia, para acender un non sei qué e xorde un artigo enteiro», contou. «‘Cóxegas e tortas’ naceu así, nunha desas conversas nocturnas cos nenos, xusto á hora de ir durmir, nese intre no que, coa luz xa apagada, sentes que outro día se vai esvaecendo devagariño. Cunha frase da miña nena maior, da miña Navia. Por iso non podería ser máis especial para min».

María Varela
Premio Fernández del Riego
"Precisamos de xornalistas que traballen de maneira responsable e rigorosa no medio do ruído informativo"

Miguel Anxo Murado
Premio Julio Camba
"Un artigo ten que ser un artefacto literario que funcione por si mesmo e, no canto de simplificar o mundo, debe facelo máis complexo"

A xornalista adicoulle palabras agarimosas á súa familia e dixo querer compartir o galardón con todos os compañeiros de profesión cos que se fora atopando na súa carreira profesional e cos seus lectores. «Grazas a todos os que se achegan cada martes a ler a última do Diario de Pontevedra. E aos que aínda gozan do pracer de pasar as páxinas dun xornal de papel».

Independencia. Varela aproveitou tamén para, ademais de reivindicar a independencia na profesión («precisamos de xornalistas nun tempo de ruído informativo que xestionen a información de maneira responsable e rigorosa, e non precisamos de intereses empresariais ou políticos que a condicionen, e a enturbien, para nada»), falar da importancia do uso da lingua e da presenza da muller nos medios de comunicación. «Este é un intento de evitar que a lingua acabe como os nosos montes, asolada polo lume da nosa indiferenza. Coido que certames coma este contribúen a evitar que a nosa lingua enmudeza, a poñer en valor algo que temos: un idioma propio, rico e fermoso. E é necesario facelo, polo menos mentres escoitemos unha e outra vez ‘Que bonito iso que escribes, que mágoa que o fagas en galego’», dixo sobre a primeira cuestión. Sobre a segunda, referiuse ao paradoxo que supón coñecer os datos sobre o número de mulleres que estudan Xornalismo e as poucas que chegan a ocupar cargos de responsabilidade . «Eu teño o orgullo de pertencer a un grupo empresarial que está presidido por unha muller. De traballar nun medio no que cada vez somos máis mulleres columnistas. Un terreo aparentemente reservado para eles. Nestes tempos complicados é necesaria a ollada das mulleres sobre calquera tema. A nosa mirada importa».

Cobre Camba. No caso de Miguel-Anxo Murado, premiado co Julio Camba polo artigo ‘El cedazo de los días’, publicado en La Voz de Galicia o 31 de decembro de 2016, o autor aproveitou a súa intervención para facer unha gabanza do columnista que lle dá nome ao galardón que recibía. «Todos os premios fan ilusión, pero este faimo especialmente porque, como tantos columnistas, eu aprendín lendo a Camba», sinalou Murado, que recoñeceu a súa admiración polo de Vilanova de Arousa. «Era un mestre en moitas cousas, na ironía, por exemplo, segundo se ten dito tanto, pero o que destaca nel, baixo o meu punto de vista, é a arquitectura do texto. Ao final, o resultado sempre era un soneto en prosa. Todo nel ten unha simetría practicamente perfecta».

O articulista tamén empregou a Camba para diferenciar os artigos de opinión, «que actualmente ocupan os medios, practicamente non hai outra cousa», do xornalismo literario. «Porque, á parte da técnica, eu de Julio Camba aprendín que o artigo é un artefacto literario que ten que funcionar por si mesmo», dixo. «A el o que lle interesaba era facer dubidar. A fin do xornalismo literario non é simplificar o mundo senón todo o contrario, facelo máis complexo».

Comentarios