María Vinyals, todo o tivo e todo o perdeu

O Museo de Pontevedra rescata a figura da feminista nunha exposición que reúne fotos, libros, documentos e cartas
Unha das imaxes da marquesa que presiden a mostra
photo_camera Unha das imaxes da marquesa que presiden a mostra

"A súa foi unha vida moi intensa. Todo o tivo e todo o perdeu", dixo este mércores Aurora Marco, comisaria da exposición María Vinyals: da aristocracia ao activismo feminista, xunto a Ángela Comesaña. "Foi a voz, a teoría e a acción do feminismo precursor. A idea de liberdade presidíu sempre a súa vida. Era preciso documentar a súa traxectoria e desvelar o seu legado. Só un pasado pragado de prexuízos foi quen de negarlle o seu lugar na historia".

Para botar luz sobre a figura desta muller, o Museo de Pontevedra producíu unha mostra que inclúe fotografías, textos, libros, documentos e correspondencia desta precursora do feminismo. Inaugúrase este xoves (20.00 horas) no Sexto Edificio. "Porque as mulleres de hoxe non partimos de cero. Ela e outras deixaron a leira sementada", dixo Marco, acompañada na presentación aos medios da exposición, ademais de pola outra comisaria, polo director do Museo de Pontevedra, Carlos Valle; polo deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, e pola presidenta da Deputación, Carmela Silva. "Estamos ante unha figura singular e extraordinaria", dixo esta última. "O noso obxectivo era completar a súa biografía e evitar a invisibilidade", sinalou Ángela Comesaña. "A mellor maneira de facelo era poñéndoa á vista".

"Foi a voz, a teoría e a acción do feminismo precursor", dixo Aurora Marco. "A idea de liberdade presidiu a súa vida"

A exposición, que se poderá visitar ata o 12 de novembro e que conta coa colaboración do Museo Sorolla, naceu dun proxecto de investigación levado a cabo pola catedrática da USC Aurora Marco e pola arquivista do Museo Ángela Comesaña sobre a figura de María Vinyals. "Así que neste caso, a orixe da mostra é atípica", resaltou Carlos Valle. "Foi antes o libro que a montaxe expositiva".

ARQUIVO. A raíz da investigación levada a cabo para unha publicación foi que se atopou co material sobre Vinyals que se conservaba no Arquivo do Museo de Pontevedra. A partir de aí naceu a idea da mostra. "Foi unha muller redescuberta dalgunha maneira grazas ao traballo de Ángela Comesaña e María Jesús Fortes, do noso Arquivo", apuntou Carlos Valle.

"Vencellada á Institución Libre de Enseñanza, de gran bagaxe cultural, marquesa circunstancial, coñecida como a marquesa vermella, rara avis no medio da alta aristocracia, escritora, emprendedora, empresaria e feminista, María Vinyals foi unha desas mulleres esquecidas pola historia, que permaneceu nos espazos do invisíbel e do inaudíbel, porque a historia das mulleres foi borrada do discurso oficial", sinalou Aurora Marco.

Comentarios