Marín celebra o Día de Galicia con pines, música tradicional e artesanía

A Alameda Rosalía de Castro acolleu este martes a Romería popular 'Trompos ós pés', que este ano alcanzou a súa XX edición
Actuación de Trompos ós pés e entrega de insignias no palco
photo_camera Actuación de Trompos ós pés e entrega de insignias no palco

A asociación cultural Trompos ós pés celebrou este martes a súa tradicional Romería Popular na Alameda Rosalía de Castro, na que houbo música, actuacións e artesanía.

A cita, que cumpre este ano a súa XX edición, comezou pola mañá, coa apertura de postos de artesanía, na que os visitantes e veciños atoparon un amplo abano de produtos, dende alimentos elaborados ou tradicionais, ata bonecas, xoguetes, xabóns de elaboración natural e elementos para o fogar, entre outros moitos obxectos.

O Concello entregou arredor de 400 pins coa bandeira de Galicia e o grupo folclórico interpretou o himno galego


Para os que decidiron pasar o día na Alameda e gozar das actividades que se sucederon ao longo do día, algúns dos postos ofreceron comida preparada.

PINES. Ademais, como vén sendo habitual nos últimos anos, o Concello tamén celebrou o Día de Galicia e agasallou aos asistentes con pins da bandeira galega, que foron entregados aos interesados pola alcaldesa, María Ramallo, e por varios concelleiros.

En total, repartíronse arredor de 400 pins con motivo do Día de Galicia.

Ao finalizar, sonou o himno galego, interpretado pola banda de Trompos ós pés.

ACTUACIÓNS E XOGOS. Ademais do grupo folclórico anfitrión e a súa escola, ao longo da xornada actuaron diferentes formacións, como Os Monifates, e agrupacións de canto tradicional, como Asxupen, de O Grove, e Garatuxa, de Vigo.

Ao longo da xornada houbo tamén actividades para os máis pequenos, como xogos tradicionais e sorteos de produtos. A Romería rematou cunha queimada de balde para todos os asistentes.


Comentarios