Bandeiras e pins polo Día de Galicia en Marín

O Concello obsequiou este luns os veciños na Alameda Rosalía de Castro con pins coa bandeira galega. Esta actividade estivo integrada na XIX Romaría Popular de Trompos ós pés

A música popular galega e o bo tempo animaron este luns a Alameda Rosalía de Castro, con motivo da programación cultural e festiva da vila pola celebración do Día de Galicia. Con motivo desta data tan sinalada, o Goberno local trasladou o tradicional escenario dos seus actos institucionais ata o Palco da Música.

O ano pasado o Concello decidiu cambiar a entrega de bandeiras de Galicia a todas as persoas asistentes a unha ceremonia de entrega que tiña lugar no salón de plenos, por unha cita aberta á cidadanía na que se agasallou con pins coa bandeira galega a todos os veciños e visitantes.

O Goberno municipal repartiu dende as 12.00 horas estes agasallos, integrándose dentro da Romaría Popular que organiza a agrupación Trompos ós pés, que puxo a nota musical co seu folclore e baile tradicional durante todo o día.

Afortunadamente ninguén dos que alí esperaba en ringleira quedou sen o seu obsequio, e como o tempo acompañou, moitos dos asistentes animáronse a mercar e degustar os produtos artesáns que se atopaban nos numerosos expositores instalados na Alameda. Ao remate da entrega dos agasallos por parte do grupo de Goberno, o grupo folclórico Trompos ós pés presentou o seu novo traballo musical ‘Nostra Fortuna’ e realizou unha exhibición de baile galego.

Pola tarde, a agrupación folclórica O Souto de Rubiáns e o grupo de canto tradicional Asxupen do Grove encheron a vila de música e baile tradicional.

A Romaría Popular rematou a súa XIX edición co sorteo de agasallos achegados polos artesáns e expositores e coa degustación de queimada de balde para todos os asistentes.

Comentarios