lunes. 14.10.2019 |
El tiempo
lunes. 14.10.2019
El tiempo

Martín Códax, antecedente dos Beach Boys

Observo a estadía do Pergameo Vindel en Vigo, tan suntuaria e tan simbólica, cun estupor e un fascinio equilibrados

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

O DOMINGO pasado volveu ser San Xoán, un San Xoán impostado. Pasei polo xardín, aberto en fendas secas, para ir comprar o pan onde sempre, na tenda de Recatelo. Cheiraba a fume. Cando era neno, a unha semana de San Xoán, visitaba unha funeraria da miña vila, Ribadeo. Acudía a ese ámbito tenebroso co desexo de que Alfredo Pena me contratase para a fogueira que asentaba xunto ao bar de Modesto. O taberneiro quedara coxo dun balazo leninista no Ebro, pero nunca derramou unha pinga de viño ao levar os vasos ás mesas. Alfredo, a cambio de recollerlle couceiros para queimar, agasallábame con postais da Torre Eiffel, o Big Ben ou a Estatua da Liberdade.

Como adoito erguerme cando os panadeiros aínda non acabaron de enfornar, deixei espreguizarse o amencer do domingo lendo Fresas (Acantilado). Joseph Roth (1894-1939) remoza a súa infancia nese libro. O escritor procede de Brody, unha cidade situada nun páramo desabrigado de Ucraína, que daquela pertencía ao Imperio Austrohúngaro. Como eu non tiven a sorte de nacer nun imperio, tiven que consolarme con facelo en Bilbao, esa cidade de soberbia vienesa.

Ás veces debía espertar a Alfredo cando ía prostularme. Tiña o sono profundo dos médicos de garda. A morte chega sen anunciarse e coloca as súas mans frescas sobre a vítima a calquera hora do día ou da noite, polo que os funerarios nunca durmen ao primeiro intento. Durante o día, Alfredo botaba sonecas nun cadaleito, que acolchara por dentro e forrara cunha seda que se fixera importar dende o sur da India. Ao cabo da súa vida usou esa caixa para a súa derradeira viaxe. El, que fantasiaba con coñecer París e Nova York mirando postais, nunca saíra de Ribadeo, pero nunca regresou.

Brody contaba con dez mil veciños —"tres mil estaban tolos"— na nenez de Joseph Roth. Era un punto de encontro para o comercio entre Oriente e Occidente. Os mercaderes non tiñan onde parar. Dous panadeiros alugábanlles as súas camas porque eles se erguían na boca da noite para fornear. Con intención de remedialo, un empresario retornado ergueu un hotel que era "branco, alto, solitario; erguíase por riba do mundo". Os veciños estaban desgustados porque "lles recordaba á Torre de Babel", que supoño que non coñeceran persoalmente, senón a través do imaxinería bíblica.A Torre de Babel debía de ser grande, tanto que Deus puido vela dende o Ceo antes de perderse de ira e mandar á brigada de demolición.

O astronauta Neil Armstrong contou á volta daquela viaxe da Terra á Lúa que puidera divisar tres cousas segundo se achegaba ao noso planeta: "O deserto do Sahara, a Gran Muralla chinesa e unha cúpula vermella nunha esquina de Europa". A cúpula que non soubo identificar coroa a Torre dos Moreno, un edificio parisino que uns irmáns indianos mandaran construír en Ribadeo en 1915. Pedro e Juan Moreno comerciaban con plumas de faisán para os colchóns da burguesía máis sofisiticada das Américas.

O enxeñeiro do gran hotel de Brody caeu dunha estada mentres dirixía ás obras. Matouse. Ninguén o chorou porque era un home taciturno e mofoso, do que soamente se lle coñecía afección por cazar aves e a ler novelas francesas. "Soterrárono nun punto medio entre o cemiterio cristián e o xudeo, porque non conseguiron determinar a que confesión pertencía", concreta Roth en Fresas.

A funeraría de Pena estaba no baixo traseiro da Torre dos Moreno, que leva cen anos caendo a cachos sobre o Cantón.

Os ribadenses temos ese edificio como símbolo porque, como escribiu Victor Hugo, "cando se fai unha ruína hai que facela ben". Seica a queren rehabilitar para acomodar un hotel, aínda que os panadeiros locais xa non alugan camas. Durante todos os anos de desidia cara a ese ben de interese cultural, desconcertábame que non o amañasen ou non o demolesen, pero tampouco era quen de representarme Ribadeo con ese terreo baleiro. Non hai postal na que a Torre dos Moreno non nos represente.

Esa mesma confusión provócama a traída a Vigo do Pergameo Vindel. Os representantes políticos e laicos da nosa cultura ceibaron a súa alma de redacción escolar na apertura da carísima mostra. Loubaron o documento coas cantigas de Martín Códax como a "partida de nacemento do galego" e "carta fundacional de Vigo". Como laudatio, prefiro a de Ghanito en Twitter, quen citaba a cantiga "Quantas sabedes amar amigo/ treydes comig'a lo mar de Vigo:/ E banhar-nos-emos nas ondas!" para aseverar: "Martín Codax, antecedente dos Beach Boys".

Valoro que unha exposición nos devolva o orgullo da Gallaecia Fulget, pero cuestiono que fose o mellor investimento tendo en conta o estado beneficio de inventario no que está a nosa cultura viva e tamén que a exposición deste santo graal galego-portugués ten data de caducidade en marzo, cando haberá que devolver o orixinal á Morgan Library, de Nova York.

O consolo preventivo que nos ofreceu o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, é que, cando despidamos o pergameo, volverá gardarse xunto a documentos tan selleiros como "partituras orixinais de Mozart". O meu segundo libro non lle gustou a Aníbal Malvar. Cada noite colocábao sobre un de Hemingway e baixo un de Mailler para que mellorase.

Martín Códax, antecedente dos Beach Boys
Comentarios