Mauthausen

Hai dous anos tiven a oportunidade de visitar perto da cidade austríaca de Linz o sonado campo de concentración de Mauthausen, onde miles de republicanos españois sufriron, xunto cos prisioneiros doutras procedencias, as máis horríbeis e humillantes condicións de vida antes de morreren, por mor dos extenuantes traballos que se vían obrigados a realizar extraendo granito das súas canteiras ou pola eliminación directa na cámara de gas.

Resulta doado imaxinar a infernal ascensión cunha pesada pedra ás costas pola chamada escaleira da morte de 186 chanzos unha e outra vez ou a desesperación que levaba a moitos a suicidarse tirándose ao abismo ou ás barreiras electrificadas que o circundaban.

O percorrido polas súas instalacións e a visión dos explícitos paneis, fotos e obxectos persoais que retratan aqueles tempos infautos son capaces de conmover a calquera visitante e levalo a reflexionar sobre como é posíbel semellante ausencia de valores éticos nalgúns individuos da especie humana. Só o virus dunha ideoloxía demoníaca e unha inxustificábel obediencia debida poden explicar tanta insensibilidade, tanta crueldade e a comisión daquela chea de crimes arrepiantes.

No exterior do campo de exterminio de Mauthausen fóronse instalando a partir da súa liberación polas tropas norteamericanas o 5 de maio de 1945 artísticos monumentos levantados por diversos estados, para homenaxear aos seus respectivos mártires alí mortos.

As salas cos fornos crematorios cubríronse de fotos de vítimas, de placas de entidades e gobernos, de bandeiras de distintas nacións, como a catalá, para honrar ao seus cidadáns. Neste contexto chama a atención a carencia total de calquer tipo de lembranza por parte de entidades ou institucións aos galegos e galegas vítimas do Holocausto.

Parece que se ignora que centos de habitantes de Galiza pasaron por ese inferno, que non foi exclusivo dos xudeus, soviéticos ou xitanos. O grupo máis numeroso de galegos morreu no campo de Mauthausen, pero habería que engadir os de Gusen, Dachau e o feminino de Ravensbrück.

Eran republicanos que despois de sufriren o trauma de perder a guerra civil, o posterior maltrato e presión por parte dos franceses, acabaron por se integrar na súa resistencia á invasión alemá. Logo de seren detidos pola Gestapo enviáronos ao exterminio. Franco e o seu ministro de Asuntos Exteriores Serrano Súñer desatendéronse deles, dándolles carta branca aos nazis para se desfaceren de todos.

Nin para os mortos nin para os supervivintes galegos do Holocausto houbo aínda o recoñecemento e a homenaxe que tiveron os doutras nacionalidades.

Comentarios