Medo

Por veces a un dalle a impresión de que está só perante determinadas loitas. Non porque non haxa máis persoas que defenden o mesmo ca un, senón por ver como “os outros”, sen ningunha caste de complexos, se lanzan ao ataque levándose por diante todo o que faga falla; mentres algúns “dos nosos” achantan e case piden perdón para defenderen as súas teses, non sexa que vaian amolar a alguén.

Daquela, é moi acougador decatarse un de que non está só, especialmente á hora de desmontar as falacias que certos grupúsculos fan sobre a “imposición del gallego”. Refírome a un comentario dun leitor en resposta a un editorial de xornal.com precisamente sobre este tema (editorial defendendo ao galego, abofé). Dito leitor, que asina como “ton”, di estas verdades do barqueiro:

“As asociacións que din defender a liberdade individual cargando contra as medidas de promoción e difusión da lingua galega por parte da Xunta, sobre todo, contra o Decreto do galego no ensino (ratificado polos maxistrados da sala do Contencioso-Administrativo do TSXG) (…) non o fan porque isto supoña un menoscabo dese "libre albedrío", mal entendido, senón por medo.

Sí, medo! (…) Medo a que os escolares sexan competentes tanto en castelán como en galego (lingua propia de Galicia) e isto, nin de lonxe, se está a cumprir. Porque un verdadeiro dominio de ámbalas dúas linguas suporía capacidade de elección, é dicir, habilidade que se adquire a través da formación (no ámbito educativo) e da información (adquisición de diversos coñecementos).

Polo tanto, esta habilidade é a que dota ao individuo,agora sí, de liberdade para elixir, neste contexto, cal das dúas linguas vai ser a súa lingua vehicular en Galicia. Capacidade de elección que lles pon os pelos de punta a estas asociacións, supostamente, amantes da liberdade individual e do bilingüismo harmónico”.

Pois ben, unha desas asociacións seica se plantou esta semana en Estrasburgo para tratar de convencer a algún eurodeputado das súas falacias; mentres a outra tenta paralizar nos xulgados a folga convocada polo flagrante incumprimento do decreto do galego no ensino.

Non escolleron mala semana para uniformidades –que non unidades- patrias ou para reprimir folgas: a semana do 20-N.

Comentarios