Deputación e Barro investirán 327.656 euros na mellora da EP-0505

A actuación contempla a renovación da capa de rodadura, a creación dun espazo para o tránsito peonil e ciclista e a dotación de servizos de saneamento, entre outras medidas
Uxío Benítez, Carmela Silva e Xosé Manuel Abraldes, durante a firma do convenio
photo_camera Uxío Benítez, Carmela Silva e Xosé Manuel Abraldes, durante a firma do convenio

A Deputación de Pontevedra e o Concello de Barro ratificaron este martes o convenio de colaboración para a mellora da estrada provincial EP-0505 no Concello de Barro. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, acompañada do deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, asinaron o acordo co alcalde de Barro, José Manuel Fernández Abraldes, mediante o que se executará a actuación. Esta suporá un investimento de 327.565 euros a repartir entre o 70% achegado pola institución provincial e o 30% polo Concello. As obras permitirán renovar de xeito integral a capa de rodadura, crear un espazo de mobilidade segura para o tránsito peonil e ciclista, así como a instalación de novo saneamento e elementos de calmado de tráfico.

O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, destacou que a mellora da EP-0505 foi unha das primeiras demandas do alcalde de Barro á nova Deputación, xa que a estrada fora obxecto de sucesivas actuacións incompletas por parte do anterior Goberno provincial que xeraron malestar entre a veciñanza. "Era precisa unha actuación definitiva que ademais dotase de servizos á zona".

O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, sinalou que "era precisa unha actuación definitiva que dotase de servizos á zona"

O nacionalista subliñou que, estudadas as posibles solucións, chegouse á conclusión de facer un proxecto integral de urbanización e mellora de abastecemento, con pasos de peóns sobreelevados (catro), nova sinalización horizontal e vertical e a creación dun espazo de tránsito peonil e de bicicletas. Benítez destacou que o orzamento das obras ascende a 327.565,38 euros e que a contratación se iniciará de xeito inminente, tan pronto como chegue a autorización de Patrimonio -pola proximidade da igrexa de Perdecanai-. Os traballos (que teñen un prazo de execución de seis meses) poderán iniciarse na primavera de 2018 e unha vez rematados a estrada será transferida ao concello de Barro.

Pola súa banda, o alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, explicou que o ámbito de actuación das obras será de 1,2 quilómetros dende a N-550. "Nesta estrada transita moita xente andando, non moitos vehículos, polo que era fundamental unha reserva de espazo para o tráfico peonil e de bicicletas. Agradezo que se recollera a nosa proposta e que se dea rematado a actuación", dixo.

melloras permanentes. Así mesmo, Abraldes lembrou que hai máis de dez anos que a estrada está permanentemente en obras con pequenas actuacións, sobre todo en épocas preelectorais. "Entendemos que unha obra dun quilómetro haina que facer cun proxecto e executala. Aos veciños resultábanlles moi estrañas tantas fases, polo que saber que no 2018 estará todo executado para nós é fundamental, sobre todo porque terá servizos dos que carece boa parte do noso concello", subliñou.

Finalmente, Carmela Silva manifestou a súa satisfacción por ter chegado a un acordo co Concello de Barro e destacou que "as institucións estamos obrigadas a elaborar proxectos e levar a cabo actuacións e obras para que veciñas e veciños poidan dispor de todos os servizos aos que teñen dereito".

Comentarios