Memorial aos mártires

Se tivésemos a oportunidade de viaxarmos polas principais capitais de Europa, poderíamos ver monumentos, situados nas prazas máis céntricas, adicados á memoria dos numerosos mártires e vítimas das ditaduras fascistas, que asolaron o continente no século pasado. Algúns destes memoriais xa ocupan eses espazos relevantes desde hai décadas, e outros vanse construíndo pouco a pouco. Por exemplo, acábase de inaugurar un memorial en Berlín, adicado aos miles de homosexuais asasinados polo nazismo. París, Varsovia, Budapest, Bratislava e outras cidades europea contan con memoriais dunha grande cualidade artística. Viena, na Judenplatz, posúe un fermosísimo memorial do Holocausto. Europa non quere ocultar o seu pasado, lembra ás vítimas e homenaxea aos seus mártires. A este lado dos Pirineos, malia a lei da memoria histórica aprobada no século XXI, as cousas avanzan moi devagar. Mais xa se inzaron en cidades próximas como Salamanca, León e Palencia. Porén, se se fala de lentitude e reticencias, a situación aínda é peor aquén do Cebreiro.

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, con bo criterio, solicitou hai un ano ao Ministerio da Presidencia unha subvención para erixir un memorial en lembranza dos máis de seiscentos asasinados polo franquismo na cidade e comarca da Coruña, obtendo a cantidade de vintesete mil euros. O memorial contaría cunha grande prancha metálica na que se gravarían os nomes e apelidos de todas as vítimas, obtidos logo de anos de árdua investigación das universidades galegas. Deixaríase nela un espazo libre para incluír os nomes doutras vítimas que sexan descubertas no futuro. A idea de homenaxear cun monumento aos mártires da liberdade e da democracia, moitos deles aínda non enterrados debidamente, alén de xusta, é necesaria, como lembranza dese amargo pasado e das características xenocidas do réxime político que había. Unha sociedade de liberdades e democrática non se pode esquecer dese terríbel pasado e do recoñecemento permanente dos seus mártires e vítimas, solicitado polos seus fillos e familiares. Para borrarmos calquera asomo de neofranquismo ou de franquismo sociolóxico. Para que non se volvan repitir nunca uns feitos semellantes.

O curioso do caso  é que o alcalde da Coruña, Sr. Losada, sendo do mesmo partido que o ministerio do que se obtivo a subvención, non permite que se instale un memorial na Coruña en lembranza das vítimas da ditadura franquista. O PSOE da Coruña, que nunca brillou na Galiza polo seu progresismo e galeguismo, segue instalado en políticas vazquistas, contraditorias, desvirtuadoras de todo, como da lei da memoria histórica, apoiándose nos sectores neofranquistas, cos que colaborou desde a transición. Logo de que costase suor e bágoas que decidise retirar o nomenclátor franquista das rúas, agora quere pór debaixo da placa, co nome novo de cada rúa, outra co franquista que tiña, disque para que non se confundan os carteiros.

Non se debería dubidar da profesionalidade dos empregados de Correos, mais si das actuacións torpes dalgúns políticos, que cren que, como fixo o vazquismo, que poden rabuñar votos do franquismo sociolóxico, e que non vaian parar ao PP. Malia que no caso galego, este é o partido moito máis proclive ao esquecemento histórico.

Comentarios