Méndez Ferrín: ''A Paz Andrade gustaríalle que se fixese un uso político do seu pensamento económico, que está máis vivo ca nunca''

Méndez Ferrín recibiunos na sede da RAG, na Coruña, tras dúas horas e media de viaxe en autobús desde Ourense. Moi próximo e afable, fixo que esta entrevista na que puxeramos moita ilusión sexa inesquecible.

P. ¿Como vive o 50 aniversario do Día das Letras Galegas?

R. O Día das Letras Galegas é unha idea que nace nesta institución. En 1963 proclámase como primeiro Día das Letras Galegas a Rosalía de Castro e foi tal a aceptación que se converteu no día máis importante de Galicia ao longo de todos estes 50 anos, consagrado á nosa lingua e á nosa cultura e aceptado por todo o mundo.

P. Vostede foi amigo persoal de Valentín Paz Andrade. ¿Como o definiría?

R. Eu coñecino e agora arrepíntome de non telo frecuentado máis, porque sabía moito; facíame ver unha época que eu non vivira.

P. ¿Cre que lle gustaría ao autor esta homenaxe?

R. Supoño que si, aínda que non era un home vaidoso; era sobrio, sinxelo e moi práctico. O que lle gustaría sería que se fixese un uso político do seu pensamento económico, que está completamente vivo neste momento.

P. ¿Poderíanos contar algunha anécdota súa?

R. Na súa vida hai anécdotas dramáticas. Paz Andrade foi tiroteado: sufriu un atentado dos anarquistas nunha folga xeral en Vigo porque era avogado dos armadores. Uns anos máis tarde, en Verín, onde fora desterrado, uns fascistas tamén empezaron a tiros con el.

P. Dada a personalidade polifacética de Valentín Paz Andrade, ¿cal desas facetas puido ser a máis enriquecedora de cara á sociedade?
R. Todas elas se complementan. Posiblemente a grande achega de Paz Andrade é o pensamento económico sempre en función de Galicia. Defendía a necesidade de crear unha banca nacional ao servizo dos pequenos empresarios, familias e traballadores. Hoxe os préstamos que reciben os galegos son de bancos de fóra e o noso aforro vai a eles, co cal o noso país é un país colonial. Agora que acaban de fundirse as nosas caixas de aforro, e que vai desaparecer o que queda do sistema financeiro galego, o pensamento e a denuncia de Paz Andrade están máis vivos ca nunca.

P. Este homenaxeado ten escasa obra literaria. ¿Inflúe isto na percepción que del poida ter o público nun día como o das Letras Galegas?
R. Non, a escaseza de obra literaria vén compensada cunha chea de obras de pensamento económico, político e literario. Agora a súa obra poética vaise incrementar porque se van publicar libros novos inéditos.

P. Parece que a sociedade demanda un achegamento da RAG aos galegos. ¿Que lle parece o contacto entre a academia e os institutos?

R. A Real Academia Galega é unha institución que se resiste a ser unha momia. É a depositaria da memoria cultural e nacional do país, polo que ten que recibir as escolas e ter contacto coa xente. Ten que estar viva.

P. ¿Como lle afecta a crise?

R. A RAG ten proxectos lingüísticos en marcha, ten o Museo de Emilia Pardo Bazán, ten unha biblioteca única con exemplares que só hai aquí, un arquivo histórico ao servizo do pobo. Se os poderes públicos nos asfixian economicamente temos que pechar. Loitamos polo dereito que ten o pobo galego a estar dotado dunha academia, xa que os impostos que pagamos tamén son para a cultura. Non estamos pedindo un trato de favor.

P. ¿Que lle parece que na RAG predominen os académicos fronte a unha minoría de mulleres?
R. A Real Academia Galega ten unha proporción de mulleres superior ás restantes academias españolas. Historicamente non é machista: está baixo a sombra de Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán foi presidenta de honra cando en España non había ningunha muller e Francisca Herrera Garrido foi a primeira muller académica. Neste momento temos dúas das voces poéticas máis grandes de toda a historia da literatura galega, que son Xohana Torres e Luz Pozo Garza.

P. ¿Que proxectos inmediatos ten a Real Academia Galega?

R. Para min o máis querido é o Dicionario dos Apelidos Galegos, onde todos poidamos buscar información sobre os nosos apelidos e recuperar a súa forma orixinaria no caso de que estea castelanizada. Ora ben, o proxecto máis necesario é a Gramática Normativa na que se está a traballar.

''Hoxe a literatura máis nova está en mans de mulleres''

P.  E como escritor, ¿séntese máis a gusto na poesía ou na prosa?
R.  Á poesía esíxolle moito. Como escritor teño o vicio de  ir sempre máis alá, forzar os límites. Interésanme máis os contos breves.

P. ¿Como lle afectou no ámbito profesional o seu paso polo cárcere?
R. A cadea é un lugar incómodo pero ten a vantaxe de que estás isolado e podes pensar, sobre todo se estás preso por razóns ideolóxicas.

P. ¿En que se inspira cando escribe?
R. Agora aféctame moito a perda da agricultura. A Galicia que eu coñecín non existe porque os campos están a ermo. Cada vez que viaxo e non vexo vacas noto que perdín algo, que o país está cambiando e non para ben.

P. ¿Ten algún manuscrito aínda sen publicar?

R. Teño moitos nas gabetas, pero probablemente non se publiquen.

P. ¿Que libro está lendo?
R. Estou relendo 20 mil leguas de viaxe submarina, de Xulio Verne.

P. ¿Pódenos aconsellar a nós un?
R. Este mesmo, que ten versión en galego. Se queredes ler en portugués, Da terra á lúa é un bo libro. Foi o primeiro luso que lin eu. Era do meu avó e aínda o conservo.

P. ¿Contáballes contos aos seus fillos cando estes eran nenos?

R. Si, si. É unha tradición na familia, contos inventados ou herdados que van de xeración en xeración.

P. ¿Como ve a literatura galega actual?
R. Está nun intre de moita potencia. Hoxe a literatura máis nova está en mans de mulleres. Estamos nun momento moi rico, un signo de saúde deste pobo.

P. Nós somos estudantes de portugués. ¿Que opina do ensino desta lingua nos institutos?

R. Sempre o pedín. Paz Andrade sostiña que hai que aprender portugués. De feito,  Pescanova fíxose co monopolio da pesca en Mozambique grazas aos negociadores que sabían portugués.

Comentarios