"Estaría disposto a pactar pero sempre respectando a lealdade ao Estado e a cohesión social"

Méndez Romeu: "Hai vontade de superar as rupturas e xuntos pór fin á política de Feijóo"

Conseguidos xa os avais necesarios, confía en que os militantes "de todos os sectores e das catro provincias" valoren a súa experiencia política e o escollan para pugnar pola presidencia da Xunta, aínda que de non gañar comprométese a traballar nun programa de cambio en Galicia
Xosé Luis Méndez Romeu
photo_camera Xosé Luis Méndez Romeu

¿Que o levou a presentar a súa candidatura ás primarias?
Unha petición moi ampla de persoas representativas da sociedade galega como alcaldes e cargos públicos, ademais de cidadáns de a pé e, como non, afiliados socialistas. Todos consideran que o PSdeG debe recuperar a Xunta para dar unha resposta aos problemas que o Goberno de Feijóo non resolveu en sete anos. Para iso, debemos superar as rupturas e ofrecer de novo un proxecto ganador e ilusionante.

¿Vese favorito?
Con todo o respecto polas outras dúas candidaturas, creo que levamos un apoio en avais moi importante e agardo que esta tendencia se consolide o día da votación.

Feijóo dirixiuse esta semana a vostede no Parlamento como o candidato socialista...
Feijóo o que máis teme é que o PSdeG concurra unido, cun candidato solvente e cun programa crible. Na medida que consigamos iso preocuparase máis por nós.

Apoios
"Con todo o respecto aos outros candidatos, creo que levo un apoio moi grande en avais e agardo que se traduzan en votos"

¿Como vai a recollida de avais?
Moi ben, xa levamos un número que supera con creces o mínimo, que son algo máis de 1.000, e iso que empezamos a traballar máis tarde que os demais, a principio desta semana.

¿Cre, como algún dos candidatos, que o proceso sería máis democrático se os avais se limitasen a 50 ou 100 como noutros partidos?
A democracia consiste na capacidade de elixir e iso está garantido. O número é o que acordou no seu día o PSdeG e por tanto hai que respectalo ata que se modifique.

¿E vostede modificaríao?
Nunca me parei a pensalo, pero mentres sexa a mesma norma para todos penso que é neutral.

¿Como cambiaría o proceso se fosen dous e non tres candidatos?
Ao ser tres divídese máis o voto, polo que pode que os apoios finais sexan menores que se fosen dous.

¿Que relación ten con Fernández Leiceaga e Gonzalo Caballero?
Cordial. Sinto o máximo respecto por eles e a súa traxectoria política.

González Formoso dixo que non ve o futuro do partido en mans de voceiros de 60 anos. ¿Que opina?
Estivo desafortunado e non mediu ben as súas palabras, e cónstame que se arrepentiu de provocar unha falsa polémica. A realidade é que todas as organizacións, tanto políticas como empresariais, valoran a experiencia nos seus directivos.

Idade
"A experiencia para nada é negativa, de feito sempre foi valorada tanto en organizacións políticas como empresas"

¿Vese o candidato dos críticos?
Non, eu véxome como o candidato de todo o PSdeG e estoume dirixindo a todos os sectores. Eu en loitas internas nin estiven nin estarei.

Hai quen di que vostede acapararía os apoios en Pontevedra; Leiceaga, en Lugo; en Ourense se repartirían á metade, e que na Coruña se decidiría a batalla. ¿Concorda?
Eu creo que vou ter unha representación de avais equilibrada nas catro provincias e para iso traballo, para ser o candidato de toda Galicia.

No caso de que non gañase, ¿integraríase cos gañadores para dar imaxe de unidade no partido?
Eu apoiarei ao candidato socialista para a Xunta, salga quen salga, e penso que entre todos deberiamos elaborar un programa de goberno alternativo para Galicia. Vexo no partido vontade de superar este periodo de discusións interminables.

¿Cal é o seu proxecto para Galicia?
Invertir a mala política que deixa Feijóo. Temos que poñer freo ao paro, á emigración dos mozos que non teñen traballo, ao deterioro dos servizos públicos como educación e sanidade e á pérdida de investimento productivo. Ademais, a Xunta debe deixar de ser un poder illado que confronta continuamente cos poderes locais, universidades, investigación, cultura...

Xa que nomea a mocidade, Leiceaga aprecia que está cada vez máis afastada do partido socialista.
Eu non teño esa percepción tan clara. As enquisas din que o PSOE ten unha incidencia maior noutras franxas de idade pero tamén gran presencia no electorado máis novo.

Comentarios