A mentira

A gran mentira da nosa vida é unha que fala da liberalización da muller. Desde ben pequenas escoitamos ás nosas nais o importante que é ser independentes; que tiñamos que prepararnos ben para facer as nosas aspiracións realidade e debuxar as nosas carreiras cunha traxectoria ascendente, na que o esforzo e a valía de cada quen -independentemente do seu xénero- é proporcional ó soldo e á mellora no emprego. Eu crino. E coma min milleiros de mulleres con títulos universitarios, vocacións e aptitudes... que hoxe locen olleiras para a eternidade. Crimos que iamos camiñar á par que calquera home. Sen embargo, seguimos tendo que demostrar o dobre para cobrar a metade. Para completar o círculo, un estudo advirte que o noso sistema de pensións perpetúa as desigualdades entre nós. É dicir, que tamén as pensións serán menores no día de mañá. Unha vez tiven unha compañeira que presumía dun pragmatismo que eu entendín como unha filosofía de vida cando menos trasnoitada. Aspiraba a atopar un home rico e deixar o traballo. Dicía abertamente que se sentía máis realizada nunha terraza tomando un café que traballando oito horas ó día. Como muller independente, intelixente, con aspiracións e moitos soños... cheguei a compadecela. Que vida baleira, pensei. Pero ás veces pregúntome se a inxenua realmente non serei eu.

Comentarios