Merenda de pan de millo en Pontevedra

PON1603P74F5.JPG
photo_camera PON1603P74F5.JPG

PONTEVEDRA. «Se pan de millo vas merendar, mira o traballo que hai detrás», canta Migallas no tema que lle dá título ao libro-disco que vén de publicar con Kalandraka. O grupo de teatro de Pontevedra é un dos protagonistas da primeira fin de semana do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, que se celebra no Pazo da Cultura ata o 5 de abril baixo o lema ‘Cociñando contos’.

Migallas ofreceu onte unha pequena actuación titulada ‘Merenda con pan de millo’, que serviu de anticipo do que hoxe se poderá ver no Auditorio do Pazo (18.30 horas, 3 euros): o espectáculo completo que montaron co seu libro-disco como fío condutor.

Varios centos de pequenos circularon onte ao longo de toda a xornada polo Salón pontevedrés, que ten entrada libre para a grande maioría das actividades. Os cativos curiosearon polas distintas exposicións e encheron a maioría das actividades previstas: dos contacontos aos obradoiros.

contacontos. Os contacontos ‘dinámicos’ de Pepa Martín eran os máis madrugadores, segundo recollía a programación oficial do Salón do Libro. A súa proposta ‘De oca a oca e... como porque me toca’, baseada no uso dos cinco sentidos para gozar dun conto, coincidiu no tempo (11.30 horas) coa obradoiro-show ‘Planea a túa festa!’, que organiza a editorial Ouvirmos para promocionar o seu libro ‘Menús para festas’. Pero o prato forte da mañá non chegou ata un pouco máis tarde (12.30 horas) da man de Susa Herrera, que presentou o seu novo libro-disco nun espectáculo co mesmo título ‘Cantos animais’.

Xa á tarde volveron os contacontos. Houbo sesión dobre dentro da programación oficial (porque ademais están todos os que se organizan de forma case espontánea por parte de Pavís Pavós ou Raquel Queizás). Primeiro (17.30 horas) volveu Pepa Martín e tras ela (18.00) chegou Andrea Bayer, do grupo Baobab. Esta última montou un espectáculo para cativos pequerrechos, de tres anos en adiante, titulado ‘Comendo contos’.

A programación de hoxe abriraa de novo Pepa Martín (11.30 horas), que tamén volverá pola tarde (17.30), como Andrea Bayer (18.00). A maiores haberá un obradoiro da editorial Oqo (11.30) e un espectáculo da Aula infantil de teatro de Tomeza (12.00).

Comentarios