Migallas e Kalandraka lanzan un vídeo para promover o uso do galego

Esta reedición de 'O rap da lingua' ten como obxectivo animar á rapazada, pero sobre todo aos seus pais, a falar na lingua propia de Galicia

Que falemos en galego / é unha cousa natural / como a chuvia no inverno / e a calor no verán (...) Se alguén che fai tilín / e o queres namorar / faille as beiras en galego / de seguro ligarás. Son dúas estrofas da canción O rap da lingua, que Migallas Teatro gravou hai 21 anos no disco Canta connosco e que tiña como obxectivo animar á rapazada, pero sobre todo aos seus pais, a falar na lingua propia de Galicia.

Foi en 1996 pero, como explica María Campos, de Migallas, "tristemente segue de actualidade". É por iso que despois de que o disco fora reeditado por Kalandraka a agrupación decidiu crear un vídeo. "Agora temos que chegarlles aos cativos a través da imaxe".

A Escola Oficial de Idiomas, un dos espazos onde se rodou, xunto coa escola infantil A Galiña Azul do campus, difundiu esta peza con motivo da celebración, este martes, do Día Europeo das Linguas, "xa que un dos seus obxectivos é promover a riqueza da diversidade lingüística e cultural de Europa, que debemos preservar e potenciar", explica a súa subdirectora, María Fernández. Un momento do vídeo.

Deste xeito, apunta Campos, "temos que seguir animando aos pais a que se sintan orgullosos da lingua que temos e que llela transmitan aos seus fillos. Parece que se falas en galego xa non falas en inglés, pero cantas máis linguas falemos, mellor. Os nenos non teñen ningún problema con iso".

Carlos Yus e María Campos poñen a letra, a música e as voces neste vídeo realizado por Sr. Sagüillo no que actúan con rapaces dos obradoiros de expresión dramática Á procura do tesouro, que se desenvolveu en Pontevedra. Paco Dicenta, Xosé Manuel Budiño, Francisco Bouza, Guillermo Fernández, Suso Elías Quiroga son os músicos, mentres que Lucía Cota e Eva María Troitiño se encargan dos coros.

en youtube. "O galego é marabilloso e témosllo que comunicar aos rapaces. A idea é que o videoclip chegue ao máximo número de xente posible", sinala Campos, que lamenta que, na actualidade, "querémoslles dar tanto aos nosos fillos que nos esquecemos do máis fácil", transmitir a lingua nai.

O vídeo, que suma case 900 reproducións en Youtube (O rap da lingua) desde o pasado 6 de setembro, presenta unha imaxe "fresca e divertida" do galego. "Esperemos que o vexa moita xente e algo faga clic. Ogallá".

Comentarios