Miles de persoas claman en Santiago pola defensa e o uso cotián do galego

Baixo a lema 'O galego é vida' miles de persoas percorreron este martes as principais rúas do centro de Santiago de Compostela para reclamar a defensa da lingua galega e reivindicar o seu uso cotián en todos os ámbitos.

O multitudinario acto foi convocado pola plataforma cidadá Queremos Galego, que agrupa a numerosos colectivos de diversos ámbitos, con motivo do Día das Letras Galegas que este ano rende homenaxe ao poeta chairego Manuel María.

A marcha partiu da Alameda compostelá e percorreu varias rúas do Ensanche para penetrarse despois no centro histórico e recalar na Praza da Quintana.

Neste emblemático enclave aos pés da catedral de Santiago o cantante e acordeonista Xurxo Souto foi o encargado de presentar o acto, que contou tamén coa actuación do dúo de cantautores da Terra Chá lucense Mini e Mero, do polifacético artista Fran Amil e de Tribo incomprensíbel, que puxeron música a poemas de Manuel María.

O portavoz da plataforma Queremos Galego e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, reclamou durante a súa intervención "plena presenza e dereito de uso para a nosa lingua, con todas as obrigacións necesarias para garantilo".

"Temos lingua propia e queremos vivir nela. Non é un capricho, é unha necesidade", dixo Maceira, e engadiu que "non é casualidade que o empobrecemento económico, social e cultural dos pobos vaia ligado á proscripción e exclusión da lingua propia".

"O galego une, só hai que ver esta praza", afirmou o presidente da Mesa, que indicou que "na causa do galego só sobran os que queren dividir, sementando prexuízos seculares contra Galicia e o seu idioma, con decretazos e sentenzas de odio".

Maceira reclamou "un status xurídico de lingua plena con dereitos e deberes, o mesmo que a Constitución lle recoñece ao español", sinalou.

Solicitou durante a súa intervención modificacións lexislativas "que impidan que gobernos como o actual -dixo- decreten a desaparición do galego da educación infantil", un feito que, indicou, "fíxose contra a opinión maioritaria da sociedade e da comunidade educativa".

O portavoz de Queremos Galego pediu que se poñan en marcha "as máis de 400 medidas que contempla o Plan de Normalización da Lingua Galega".

Entre estas, referiuse ao impulso do papel "normalizador" da CRTVG, a derrogación do decreto do plurilingüismo, unha Administración "en galego", ou a firma dun convenio coa RTP portuguesa para garantir a recepción mutua do sinal televisivo entre Galicia e Portugal.

A mobilización convocada por Queremos Galego reuniu a representantes de varias formacións políticas, entre eles a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón; o viceportavoz de Age no Parlamento galego, Antón Sánchez, ou os alcaldes de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores (BNG), e de Santiago, Martiño Noriega (Anova).

Ana Pontón destacou que esta xornada festiva en Galicia é, por unha banda, de conmemoración, "para celebrar que temos unha lingua propia e é unha carta de presentación ante o mundo", dixo, pero tamén un día de reivindicación.

Criticou "a política de escrache á lingua galega que fixo o Goberno do señor Feijóo". "Sete anos negros para a lingua galega, de pasos atrás", afirmou.

Emprazou Ana Pontón ao presidente da Xunta a modificar "esa política e a que cumpra a Lei e que respecte a lingua galega, que é o que máis nos une a todos os galegos".

Avanzou que o BNG presentará no próximo pleno do Parlamento de Galicia unha moción para pedir "que se cumpra coas recomendacións do Consello de Europa respecto da lingua galega e que se abra así unha nova etapa para o noso idioma".

Pola súa banda, o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, justificó a súa presenza na convocatoria de Queremos Galego para reivindicar a figura de Manuel María e a potencialidade do idioma galego.

"A lingua conéctanos coa memoria, permítenos ser e estar no mundo. Debemos reivindicala cun sorriso e entender que a maiores da carga patrimonial que ten tamén ten unha carga de utilidade", dixo o primeiro edil compostelán.

Antón Sánchez, portavoz de Age no Parlamento galego, destacou que a lingua galega é "un sinal de identidade propia que non debemos de deixar morrer".

"Temos que procurar que as próximas xeracións teñan un idioma vivo, que sirva para que teñamos a autoestima necesaria para poder vivir. O idioma para nós é fundamental", afirmou.

Sánchez dixo que aprecia "con esperanza" o rexurdir en determinados segmentos de poboación "que levan adiante iniciativas de revitalización da lingua", e emprazou ao próximo goberno da Xunta a que teña entre as súas prioridades "a supervivencia e o futuro do noso idioma".

Comentarios