sábado. 27.11.2021 |
El tiempo
sábado. 27.11.2021
El tiempo

Minorías e maiorías

"A atención mediática pola gastronomía comeza a decaer e hai que repensar o futuro inmediato. O chamativo é o discurso autocrítico de moitos cociñeiros, e falamos dalgúns moi famosos, que están fartos de cámaras e de pompa, ata rirse de si mesmos. 'Case nin remato 8º de EXB e dei clases en Harvard'".

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

O PÚBLICO É ESA fogaza opulenta de pan que ninguén sabe moi ben con que fariña está feita. Se cadra a maior aventura da cultura e dos seus autores sexa a de buscar o seu público, comprendelo, e ao facelo entenderse a un mesmo. Así que hoxe vai de públicos.

OÍDO


Esta semana pasada escachou en varias cidades e vilas galegas o Festival Atlántica de Narración Oral. Cultura sen subvencións, sostida polo cartón de crédito da súa directora, Sole Felloza, e moitas horas de traballo dela e do seu equipo. Christian Atanasiu, un alemán de orixe greco-rumana que desenvolve o seu traballo nunha lene fronteira entre as vangardas e a arte popular, pechou o festival en Compostela cun espectáculo ao que lle levo dando voltas desde aquela. Estabamos acostumados á oralidade como xeito de contar, pero que acontece cando "destrozan" a linguaxe usada para dicirnos cousas? O espectáculo de Atanasiu é ceibador: como público, tes que aprender a non agardar nada e deixarte levar polo río dadaísta das palabras. O público morre da risa. Pregúntolle a Atanasiu que tal funciona o seu espectáculo con nenos: "Teñen que estar cos pais. Cando ven os seus pais rir, eles rin tamén". Aí está a chave. Os nenos rin de ver os seus pais volverse nenos. 

OLFATO


Preparei un espectáculo eu mesmo para o Festival Atlántica. Unha narración camiñada sobre os crimes máis notables de Compostela. Desde hai tempo defendo un relato civil da cidade, evitar o monopolio abafante do mito da peregrinación, amosar esoutras Compostelas. Investiguei e acabei enchoupado nun bano de sangue: había moito máis do que parecía. O que non previmos era o enorme éxito que podía ter: listas de espera de 50-60 persoas para cada pase. Ninguén, na cultura, sabe cando un libro ou un espectáculo vai triunfar. O olfato pode existir, pero só se nutre de tentativas. Unha tras doutra.

VISTA


Por fin chega ás librarías a nova biografía de Rosalía de Castro que María Xesús Lama publica en Galaxia. Este primeiro volume finaliza na publicación de Cantares Gallegos en 1863, e revela, en primeiro lugar, o boa escritora que María Xesús Lama é, cun estilo literario nada habitual nos ensaios biográficos. Lama revela, con honestidade, na súa "captatio benevolentiae", a relación vital estreita entre biógrafa e biografada que a levou, no seu caso, a empatizar coa Rosalía doente dos seus últimos anos. Case toda a documentación sobre Rosalía está xa publicada —faltan eses misteriosos documentos dos que sempre fala Alonso Montero— pero malia iso, moito me sorprende que as interpretacións seguen a ser diversas: da chorona nacional de principios de século a unha libertaria revolucionaria e delacroixiana —aínda que sen destape— guiando ao pobo das lecturas das últimas décadas. María Xesús Lama outorga a súa propia e deixa a historia nun punto no que cada un de nós debera, tamén, construír a nosa propia Rosalía. Creo que cada xeración vai ter a súa propia lectura de Rosalía —e da súa relación con Murguía—.

GUSTO


Este Fórum Gastronómico celebrado na Coruña foi coma cando nos espertamos un domingo pola mañá despois dunha turbulenta noite de sábado. A atención mediática pola gastronomía comeza a decaer e hai que repensar o futuro inmediato. O chamativo é o discurso autocrítico de moitos cociñeiros, e falamos dalgúns moi famosos, que están fartos de cámaras e de pompa, ata rir de si mesmos. "Xa me vedes, eu case nin remato oitavo de EXB e o ano pasado dei clases en Harvard", comentaba un, encolléndose de ombreiros. Dito así claro que soa sorprendente, pero tamén agacha outra cousa máis seria: a flexibilidade de Harvard de integrar pequenos coñecementos que non entran no académico e que teñen moito que ver coa creatividade e o enxeño. E Pepe Solla tamén avogou por un cambio necesario que leva tempo pregoando: a do cociñeiro como parte máis dunha cadea na que a produción do alimento é a parte fundamental, e a diferenciación é necesaria mesmo nun sector como a pesca. "Non é o mesmo un tempranillo da Rioja de 5 euros que o de 50" díxonos, "e debera pasar o mesmo coas robalizas".

TACTO


Acudo á Feira do Disco e Libro Galegos de Monterroso, que organiza a asociación 25 Xastres. A Feira faise nese descomunal recinto que é a Cúpula —onde se celebra a Feira centenaria— e cando entrei nela non puiden menos que pensar que a cultura deste país sobrevive de milagre, e faino porque hai pequenos grupos de xente nos diferentes concellos do país que se empeñan con teimosía en que así sexa. Ben pensado, non é iso o que leva acontecendo desde hai douscentos anos? Non eran Rosalía e Murguía, por poñer un caso, uns excéntricos nos seus propios círculos? Aínda lembro o que lles dixeran unhas vellas da burguesía viguesa a unhas compañeiras da miña clase. Aquelas anciás foran as primeiras xogadoras dun equipo de fútbol feminino —por suposto, na República— e as miñas compañeiras preguntáranlles polos da xeración Nós. "Ai si, aqueles rapaces", lembrou ela desde o fondo dunha caverna, "a verdade é que non lles faciamos moito caso". Imaxinei un grupo de nerds, refuxiados en saberes estraños, mentres o mundo xiraba indiferente ao seu redor. Pero grazas a eses nerds acabou saíndo un autogoberno que hoxe emprega a boa parte dos netos daqueles que miraban os galeguistas como frikis.

INTUICIÓN


Creo que volven os bos tempos. Saquen as súas botellas de escumante de albariño, señoras, porque isto se anima. O outro día estaba nun cóctel no que había numerosos políticos e empresarios. Tras unha hora de chateo cuns e con outros, apareceume un bendito que leva anos tentando vender a súa moto baixo o signo, xa un pouco gastado, de emprendedor. O home levaba peteirando conversas aquí e acolá e tirara a súa propia conclusión, que me comentou airado. "E a min por que ninguén me corrompe?", preguntoume cun rancor pouco disimulado contra o mundo.

Minorías e maiorías
Comentarios
ç