Miopes

Se coñecen algún miope, probablemente o teñan escoitado desculparse a causa dese defecto visual. Sen lentes, son seres indefensos que andan polo mundo, polo seu mundo borroso e desenfocado, ás apalpadas. Séntense pequenos infractores das relacións persoais. Reinciden unha e outra vez sen poder evitalo. Onde os outros ven arrogancia, incluso un pouso de soberbia, por sentirse ignorados, os miopes recoñécense torpes. Son incapaces de levar a cabo esa acción que lles permita recoñecer os outros a unha prudente distancia. Detrás dun miope agóchanse moitas veces uns seres tenros que xogan a ser invisibles pero non o conseguen. Son tamén grandes tímidos. Incluso diría que, sen teren esta condición, acaban por adquirila a medida que o seu campo visual se volve máis pequeno. Aproveitan ese escudo para camuflarse na súa fortaleza, e converten o defecto nun aliado. Cando intúen que son observados sen pudor, manteñen o tipo e a mirada perdida como se non fose con eles. Cren de verdade que poden pasar desapercibidos, pero é só unha ilusión óptica. A miopía é un traxe de neopreno infranqueable. Sempre co mesmo obxectivo: manter o mundo a distancia. O que ignoran  os outros é que, nas distancias curtas, a visión dos miopes é perfectamente nítida, capaz de distinguir a engurra máis pequena, dos medos e inseguridades que desfilan diante dos seus ollos solitarios. Aí reside o seu segredo. Eu véxoo claro.

Comentarios