Mm-mm de Breogán...

Vaites coa estrea que tivo dona Pilar Rojo como presidenta do Parlamento de Galiza (con perdón). Abofé que avisada estaba: non se pode andar a presidir cámaras parlamentarias sendo do PP con semellante apelido, señora Rojo, porque logo todo se xunta. Eis por que acontecen cousas como a do pasado mércores, cando dona Pilar convidaba aos/ás novos/as parlamentarios/as nada menos ca a cantar o noso “himno nacional”.

Di a presidenta que a denominación se debeu a un “lapsus”, posto que a denominación oficial da composición de Veiga e Pondal é “himno de Galicia”. Abraia, señora Rojo, esa preocupación no seo do seu partido pola oficialidade das cousas desta terra. Porque sen irmos máis lonxe, don Manuel, presidente dun dos Gobernos que vostede integrou, botou toda a súa longa vida en dito cargo con reiterados “lapsus”, se por tales entendemos, efectivamente, empregar termos que non son oficiais.

Lembre que o señor Fraga chamaba exclusivamente a Galiza “rexión”, cando a súa denominación oficial é “nacionalidade histórica”. A seguir cos “lapsus” pepeiros, a súa formación emprega o termo “rexional” para os congresos do PP a nivel galego, incumprindo deste xeito o que di o Estatuto verbo da categoría territorial deste país. Daquela, non debería vostede preocuparse por unha “lapsada” máis ou menos, porque é o habitual do seu partido á hora de tomar posturas pre-estatutarias e mesmo pre-constitucionais.

Debería a señora presidenta lembrar que, antes de que don Manuel nos devolvese aos tempos pre-autonómicos, o ex presidente Albor facía súa con toda naturalidade aquela frase de Piñeiro (Ramón, non Súper) de “galegos por nación, españois por historia e europeos por cultura”. O 25 de xullo era oficialmente o “Día Nacional de Galicia”.

E mesmo unha das cuñas publicitarias da incipiente emisora autonómica do 85 dicía así: “Escoita vostede a RTG: a radio nacional de Galicia”. Non sei se daquela se trataba dunha epidemia de “lapsus” ou que demo, pero o conto é que ninguén rachou as vestiduras nin apareceu por ningures Galicia Bilingüe y Regional.

Daquela, a que vén tanta reviravolta para explicar algo que, para variar, é unha de tantas cousas que fai agromar as continuas incongruencias do PP? Pois só se me ocorren dúas explicacións: ou ben a señora presidenta ten chantado no subconsciente que o himno galego é, efectivamente, un himno nacional porque a unha nacionalidade (oficialmente) corresponde; ou o que sería máis axeitado a este PP de camisa azul, posibelmente a señora Rojo matinase no “himno nacional”, no “chunda-chunda”, como o único serio que se pode e debe interpretarse na España da Cope y olé á que semella querer apuntarse Núñez Feijoo. Si, xa sei que a tanto aínda non se atreveron. Pero tempo ao tempo.

O que si lamento é non ter estado no solemne momento da interpretación do himno nacional lapsuado. Porque, a voltar co tema da oficialidade, a letra oficial “completa” do himno é a que comprende as catro primeiras estrofas do épico poema de Eduardo Pondal, por moito ca os pusilánimes de sempre traten de silenciar a terceira e maila cuarta.

Cantarían daquela as súas señorías a letra completa do himno, como manda a oficialidade? E se o fixeron, como reaccionaría a señora Rojo e algúns máis con tendencia a erupcións cutáneas cada vez que o adxectivo “nacional” xorde vencellado a Galiza, cando ao chegaren ao último verso tiveron que cantar aquilo de “nazón de Breogán”?

Porque se o cantaron con todas as letras, até onde eu sei, aínda non saíron comunicados desculpándose polo “lapsus” de cantar semellante cousa separatista. Claro que tamén puideron optar por, no momento de dicir “nazón”, pecharen os beizos fortemente e cantaren “Mm-mm de Breogán, de Breogáaan”. Iso, se algún cultivado militante pepeiro non preguntou antes que fai no himno o nome dun equipo de baloncesto.

Comentarios