A mochilota de ida e volta

A véspera das vacacións teño garantida a discusión coa muller. Ela teima en queixarse de que lle encha medio maleteiro cunha mochilota negra chea de libros. Eu razóolle que o saber non ocupa lugar, cando menos ocupa menos lugar cas táboas de body board dos meus cativos. Ela acaba por ceder, sabedora de que son un cacholán. Redondeo as miña argumentación facéndolle ver que case que non teño tempo para ler durante o resto do ano, polo que debo aproveitar o lecer. Os textos cos que inutilizo o seu maleteiro son o resultado final dunha escolma ben analizada tendo en conta o tempo do que hei dispor. As miñas lecturas deste verán serán 'Mañana', de Graham Swift; 'El hombre de los círculos azules', de Fred Vargas; 'Dança, dança, dança', de Haruki Murakami e 'O Museo da Inocencia¡ de Orham Pamuk.

A unha media de tres ou catro horas diarias, chegará setembro e poderei falar con autoridade de todos eses textos. De feito, confío en que me quede tempo e aínda heime poñer con 'Los hombres que no amaban a las mujeres', para iniciarme en Stieg Larsson, e 'Crepúsculo', de Stepehnie Meyer, para informarme do que lles interesa aos rapaces. Malia as miñas expectativas luminosas, temo que este verán acontecerame o de sempre: que a cativa terá que asistir a un curso de surf, o neno empezará a andar en bicicleta e terei que ter conta de que non se me mate, os meus amigos teimarán en que saíamos despois de cear para compensar tantos meses sen conversar, a miña nai pedirame que a achegue co coche ata a a praia e a mochilota negra volverá como marchou. Iso si, cos libros noviños, e estarei orgulloso de que sei coidalos.

Comentarios