Modernidade e cambios

Ás veces hai que facer cambios para quedar como un estaba. Noutras ocasións, os cambios son imprescindibles para avanzar e ás veces hai que cambiar para volver atrás.
Esta semana houbo unha polémica que me chamou moito a atención. En Madrid e Barcelona houbo unha folga masiva de taxistas que protestaban contra unha aplicación informática. Creo que é a primeira vez na historia que o inimigo dunha folga non é a patronal ou o goberno, senón un ente que non é persoa. 
“Uber” é unha ferramenta que se instala nos teléfonos móbiles intelixentes que logra conectar a usuarios que precisan desprazarse en coche nun momento puntual con outros que pasan por alí cerca e non lles importa levar a un máis. Todo iría ben pero a gran novidade é que “Uber” permite xestionar o pago por este servizo. 
O colectivo máis agraviado é o dos taxis porque lles apareceu un inimigo inesperado. Como saben, o sector do taxi está organizado fundamentalmente ao redor de traballadores autónomos que teñen que pagar unhas importantes taxas de licenza municipal e cumprir unhas normas moi esixentes en canto á calidade do servizo, á seguridade, ... Por iso, esta ferramenta de contacto entre usuarios que precisan a utilización dun coche privado par facer servizos públicos é un ataque ao seu modelo de negocio. 
Compre reflexionar sobre dúas cousas. A primeira, a intervención do Estado neste tipo de fenómenos innovadores que crean novas circunstancias. A segunda, os modelos de negocio que foron moi útiles durante moitos anos pero que agora deixan de selo. 
Os cambios tecnolóxicos veñen para quedarse e creo que todas as iniciativas de mobilización social contra elas suporán un fracaso. Xa se veu no caso de Francia, gravando as conexións a internet, ou mesmo diversas sancións contra xigantes coma Google. Ao final, todas as trabas dos gobernos acaban sendo superadas nun abrir e pechar de ollos. Si creo, que cada colectivo debe ter unha capacidade suficiente para adaptarse a estes novos cambios buscando sempre actualizarse. Nese sentido, o sector do taxi, por exemplo, debera entender que os cidadáns podemos pedir un taxi a man alzada, por teléfono pero tamén a través doutras cousas coma as aplicacións informáticas. Se recordan, a chegada do concepto RadioTaxi a Pontevedra, non hai moitos anos, supuxo unha revolución porque xa non tiñamos que chamar parada a parada na busca dun vehículo. Era necesario que os taxis se adaptasen para darlle ao cidadán un mellor servizo. 
Agora deben facer o mesmo. De feito, profesionais no País Vasco xa desenvolveron unha cousa parecida a Uber cun éxito razoable. 
Creo que o camiño da modernidade está aí e non nas protestas. Estou convencido que as folgas destes días non conseguirán o obxectivo proposto porque no caso de que se prohiba “Uber”, mañá aparecerá outra cousa e así sucesivamente. 
A senda está marcada pola comprensión das novas demandas e pola utilización das tecnoloxías dun xeito pragmático.

Onte foi Google, hoxe e “Uber” e mañá será outra cousa. Son as consecuencias do cambio de Era.  

Comentarios