Moi normal non parece

O mundo dos políticos vive momentos malos. É certo que nunca foi unha actividade moi recoñecida pola sociedade, pero nas últimas semanas están pasando unhas cousas ben curiosas. 
Primeiro o tema das eleccións europeas, onde un partido nacido hai uns días, coma quen di, se converteu nunha das forzas máis votadas. Moitos analizas consideran que recolleu o voto movido polas redes sociais, aínda que eu penso que a estratexia principal de Pablo Iglesias, líder de «Podemos», non foi internet senón a televisión. Grazas a saber usar con mestría este medio logrou captar a atención de moitos que se reflectiu en votos. Está por ver agora se o foguete é dun ou de sete estalos. 
O segundo foi o do Rei. Non pensaba eu vivir unha abdicación, pero a Historia ten estes caprichos. Juan Carlos de Borbón tomou unha decisión que permite múltiples interpretacións. Para uns foi causa do agotamento, para outros como estratexia para consolidar ao seu sucesor, .... en fin, cada un ten argumentos sólidos para defender cada postura. Sen embargo, creo que na decisión do monarca tivo que influír moito o clima de desconfianza colectiva que está provocando unha transformación do imaxinario colectivo que provocan as institucións na cidadanía. Os cambios profundos normalmente comezan así, pero o tempo dirá se estamos no certo ou non. 
O terceiro márcase na corrupción. Levamos xa varios anos con casos de corruptelas máis ou menos importantes. Nunca terei claro se sempre existiron e agora se descobren, ou que nunca foron da dimensión que temos agora. En calquera caso, nunca me imaxinei ver a nove concelleiros dunha cidade coma Santiago condenados por prevaricación, nada máis e nada menos que por acordar pagar o avogado a un dos deles, imputado tamén por temas de corrupción. 
Recoñezo que non me gusta moito o concepto de «casta» que utiliza «Podemos», pero ás veces hai cousas que non se explican doutro xeito. 
Polo tanto, temos tres ingredientes para un pote explosivo: cambios nos procesos de votación dos españois, desafección polas institucións e un clima de corrupción. A cousa realmente non pinta moi ben e pouco a pouco imos asumindo estas transformacións. Algunhas son graves, como entender que un grado de corrupción medio se pode asumir sen ningún problema. Por desgraza, xa cremos que é normal que haxa un concelleiro imputado e incluso condenado, pero non debera ser así. Só nos asustamos cando chegamos á ducia, pero con un xa debera ser suficiente. 
Outras transformacións, por si mesmo, son menores pero sumadas adquiren unha dimensión maior. Probablemente o éxito de «Podemos» sexa cousa dunha temporada, pero desgústame moito a actitude dos grandes partidos que non entenden a dimensión do que lles está vindo enriba. Non se debe minusvalorar aos movementos sociais, especialmente aos organizados, porque o único que se consegue e empobrecer o sistema democrático. 
Por último, están os grandes acontecementos que parecen ter máis pomposidade que efectividade. En teoría, o cambio de Borbóns non debera implicar ningún tipo de problema no funcionamento do Estado, pero estou seguro de que algo terá que cambiar. 
O tempo o dirá.

Comentarios