Moitas inquietudes a ritmo de gaitas

Falcatrueiros cumple tres décadas ► O gusto polo baile tradicional levou a un grupo de mozos de Monterroso a crear en 1985 a asociación Falcatrueiros. Co paso dos anos este colectivo converteuse nun dinamizador social na zona e hoxe, en plena madurez dos 30, as súas escolas de baile, música e teatro seguen sendo un referente
Actuación de Falcatrueiros na Europeada de 2008
photo_camera Actuación de Falcatrueiros na Europeada de 2008

Falcatrueiros celebrou o seu trixésimo aniversario cunha sinxela cea, unha reunión de máis de 70 vellos amigos, que no seu día estiveron vinculados dunha forma ou doutra a esta asociación sociocultural, que chegou a ser un pequeno caixón de xastre do que saían todo tipo de iniciativas encamiñadas a dinamizar a vida social de Monterroso.

Pero chegar a organizar actividades tan variadas e aparentemente dispersas como escolas e competicións de fútbol, baloncesto ou atletismo; carreiras de kárting; excursións para a terceira idade; talleres para mulleres rurais e amas de casa; cabalgatas de reís para os nenos; conferencias ou cursos de formación ocupacional -xa foran de artesanía, carpintería, encadernación ou calquera outra cousa-, non foi máis que un accidente promovido por uns anos nos que os pequenos concellos non dispoñían de alternativas que poder ofrecer aos seus veciños.

Uns tempos e unhas necesidades que non lograron alterar a verdadeira razón de ser de Falcatrueiros, que naceu como un grupo de baile rexional e que, agora, 30 anos despois e cuns 300 asociados, segue fiel ás súas orixes grazas ás súas escolas de baile e música ou aos seus grupos de teatro.

Unha incesante actividade que, ao longo destes anos, gañouse o respecto e agarimo dos monterrosinos, porque poucos son os que, dun modo ou outro, non tiveron nalgún momento vínculos con esta asociación.

Maruchi Pérez Vázquez, que preside Falcatrueiros desde 1986, cando este pequeno xigante de emocións aínda empezaba a andar, lembra que todo o que vían e interesaba, "facíase" e, máis aínda, se isto tiña algo que ver coa faceta da formación ou a cultura, "déronse cursos de pintura, guitarra, inglés", aínda que a escola de baile "foi a primeira razón de ser e a nosa prioridade", recoñece. "Potenciámola e buscamos a profesores profesionais, o que pronto lle fixo alcanzar un alto nivel e un amplo recoñecemento", que a levou a escenarios de diferentes puntos da Península e, mesmo, o estranxeiro.

Nas distintas escolas promovidas por Falcatrueiros chegan a confluír ata tres xeracións das mesmas familias


Despois da de baile, chegou a escola de gaita, tamén baixo a formación dos mellores docentes, ata acabarse por converter as dúas nun referente da música e o baile tradicional.

E é que a medida que foron xurdindo outras asociacións e escolas deportivas municipais ás que se foi transferindo a responsabilidade de organizar moitas daquelas actividades iniciadas por Falcatrueiros, a asociación puido envorcarse máis na súa faceta cultural, creando novas escolas como as de percusión, baile, canto, pintura ou teatro, nas que participan alumnos de todas as idades.

Ao longo destas tres décadas de historia, nas aulas de Falcatrueiros creceron músicos e artistas que acabaron por facerse profesionais e, sobre todo, nelas xerminou a semente da paixón polas artes, o que fai que hoxe en día conflúan nas diferentes escolas ata tres xeracións de mesmas familias.

Pero ademais dese labor formativo que realiza a través das súas escolas, esta asociación sociocultural é un ente moi vivo que, ao longo do ano, organiza todo tipo de actividades como excursións ou intercambios que levan aos seus alumnos a participar en festivais e certames de toda España.

Entre eles, Maruchi Pérez lembra a participación da asociación en varias edicións da Europeade, o que permitiu aos integrantes do grupo de baile acceder a escenarios de Dinamarca ou Suíza.

Pero Falcatrueiros tamén se mantén firme no seu compromiso de dinamizar a vida cultural de Monterroso e, neste contexto, o Festival Internacional de Danza constitúe unha eficaz ferramenta, capaz de atraer á vila cada ano a centos de persoas dos máis diversos países.

Todo este traballo fai que a historia de Monterroso xa case non se poida entender sen Falcatrueiros. Por iso, fai cinco anos o pobo enteiro envorcouse coa celebración da gala especial con motivo do 25 aniversario da asociación e, por iso, hai uns días, antigos membros da asociación -algúns residentes a miles de quilómetros noutros países- non dubidaron en facer unha longa viaxe para celebrar, nunha cea case íntima, eses 30 anos de historia e brindar, ao ritmo da gaita, por todos eses novos proxectos que virán nos próximos anos e décadas.

Comentarios