Mouriño exime de culpa a López Caro

Carlos Mouriño en la presentación de López Caro
photo_camera Carlos Mouriño en la presentación de López Caro

“Non é cuestión dun técnico ou outro”. Carlos Mouriño, presidente do Celta, renova a súa confianza en López Caro tras os últimos malos resultados do equipo, e carga as responsabilidades no plantel celtiña. “O que ocorre é que o equipo non se acaba de enganchar e perde forza nos segundos tempos”, aclarou o dirixente da entidade olívica,
que onte participou na asemblea da Federación Española de Fútbol.

Mouriño cre que o Celta “ten xogadores” para estar máis arriba na táboa, pero considera que “falta algo máis”. “Faltan disposición, ganas, coraxe e forza”, aclarou o mandatario, que semella coñecer a solución para evitar desfeitas como a do pasado domingo ante o Elche na segunda parte: “Que os futbolistas poñan un 120% de forza, se a teñen, para non derrubarse como se derruban”, asegurou onte á Televisión de Galicia.

Ademais, o presidente celtiña entende a preocupación dos seareiros e ve “lóxico” que a afección se preocupe pola marcha do equipo galego, agora a seis puntos do ascenso e oitavo na táboa. Malia isto, Mouriño non perde a esperanza e opta polo optimismo para recuperar os folgos. “Hai opcións matemáticas e haino que seguir intentando, aínda que é certo que cada vez queda menos tempo, pero é posible”, engadiu.

Xerez e Albacete, vindeiros rivais do Celta e ambos os dous en postos de descenso, parecen rivais máis que propicios para que o Celta recupere a ilusión por un ascenso aínda posible.

Esteban: “É o momento de poñelo todo”
Nunha mañá de adestramento na que López Caro se dedicou a falar a nivel particular con varios xogadores, un dos capitáns do equipo, o porteiro Esteban, saíu á rolda de prensa para deixar claro que era a hora de que o plantel sacara a rabia.

“É o momento de dicir que imos poñer todo o empeño ou o momento de afastarse. Eu, desde logo, aposto pola primeira opción”, asegurou o gardameta asturiano que ve o equipo con forzas para remontar, pero que acepta que “é difícil convencer a xente”.

“Incluso é difícil convencernos a nós mesmos”, insistiu o futbolista, que ten ben claro que o equipo non pode cometer máis erros nos vindeiros encontros ante rivais dun nivel, en teoría, moi inferior. “Agora si que non podemos fallar máis”, concluíu.

Comentarios